O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asinou onte os decretos polos que se modifica a estrutura do Goberno galego e nomea novas conselleiras e conselleiros.

 

Presidencia
Alberto Núñez Feijóo
Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Alfonso Rueda Valenzuela
Consellería de Facenda
Valeriano Martínez García
Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio
Beatriz Mato Otero
Consellería de Infraestruturas e Vivenda
Ethel Vázquez Mourelle
Consellería de Economía, Emprego e Industria
Francisco Conde López
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Román Rodríguez González
Consellería de Sanidade
Jesús Vázquez Almuíña
Consellería de Política Social
José Manuel Rey Varela
Consellería do Medio Rural
Ángeles Vázquez Mejuto
Consellería do Mar
Rosa Quintana Carballo

xunta-de-galicia-300x135A renovación na Xunta supón un novo impulso social, económico e territorial para abordar o novo contexto de crecemento.

Ademais da aposta polos servizos públicos, refórzanse os ámbitos rural e marítimo para que a recuperación poida chegar a todos os sectores e ámbitos poboacionais; así como o medio ambiente e a ordenación do territorio para que esta sexa sostible. Así mesmo, lígase o emprego á promoción económica e á innovación industrial.

A remodelación supón unha maior presenza do ámbito social no Goberno coa creación dunha Consellería de Política Social, na que estará ao fronte José Manuel Rey Varela. Así mesmo, Jesús Vázquez Almuíña será o novo conselleiro de Sanidade.

Por outra banda, esta remodelación supón redobrar esforzos no sector primario. Ángeles Vázquez Mejuto será conselleira do Medio Rural e Rosa Quintana Carballo a conselleira do Mar.

Este cambio de Goberno tamén reforza o ámbito da ordenación do territorio coa creación dunha Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que estará ocupada por Beatriz Mato Otero.

O impulso desta renovación é tamén económico. Créase a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, na que será conselleira Ethel Vázquez e as competencias de traballo pasan a formar parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria con Francisco Conde como conselleiro.
Os novos membros do Goberno tomarán posesión do cargo mañá luns no Pazo de Raxoi ás 9.30 horas.

JESÚS VÁZQUEZ ALMUIÑA
Jesús Vázquez Almuíña naceu en Baiona en 1962. É licenciado en Medicina e Cirurxía Xeral pola Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. É especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, experto universitario en Admisión e Documentación Clínica pola Universidade Complutense de Madrid e ten un Máster en Dereito Sanitario pola Universidade da Coruña.
É alcalde de Baiona desde 2004 e deputado provincial en Pontevedra desde 2003.

Foi director provincial do Sergas de Pontevedra; director-xerente do Hospital Meixoeiro; coordinador do servizo de Admisión, Documentación Clínica e Atención ao Paciente do Hospital Meixoeiro de Vigo; e médico do Servizo de Admisión do mesmo hospital. Con anterioridade, foi coordinador dos servizos de arquivo e Documentación Clínica e Atención ao Paciente en Povisa; xefe do Servizo de Recepción e Xestión de Pacientes no mesmo centro e médico no servizo de Urxencias. Tamén exerceu como médico de Medicina Familiar e Comunitaria na Unidade Docente de Segovia.
JOSÉ MANUEL REY VARELA
José Manuel Rey Varela naceu en Ferrol en 1975. É licenciado en Dereito pola Universidad Complutense de Madrid e especialista en Liderado e Xestión Pública polo IESE Business School.

Actualmente, é presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e concelleiro no Concello de Ferrol.

Entre os anos 2011 e 2015, exerceu como alcalde de Ferrol, municipio no que é edil desde 2002 e onde tamén foi concelleiro de Facenda, Patrimonio, Emprego e Xuventude entre 2003 e 2007. Tamén foi deputado provincial en A Coruña entre os anos 2007 e 2011. Así mesmo, foi presidente do Consello da Xuventude de Ferrol e de tesoureiro do Consello da Xuventude de Galicia.
ÁNGELES VÁZQUEZ MEJUTO
Ángeles Vázquez Mejuto naceu en Melide en 1972. Acadou a Licenciatura en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade en Xeografía Aplicada. Así mesmo, é técnica en Información e cultura.

É alcaldesa de Melide desde o ano 2011 ata a actualidade, cargo que tamén ocupou entre os anos 2004 e 2007.

No ámbito municipal, previamente ás súas responsabilidades como rexedora, foi concelleira de Cultura, Deportes e Medios de comunicación. Tamén foi deputada provincial en A Coruña entre 2007 e 2009 e, posteriormente, deputada no Congreso dos Deputados por esa mesma provincia. Na súa traxectoria profesional tamén ten experiencia xornalística, como directora da radio municipal melidense e como correspondente en medios de comunicación.