Máis dun cuarto de millón de euros para a reforma integral da cuberta do Edificio Multiusos de Monforte

  • O Alcalde, José Tomé Roca, deu a coñecer na mañá de hoxe un importante proxecto que suporá a mellora integral da cuberta do Edificio Multiusos, que actualmente é a sede do Conservatorio de Música Mestre Ibáñez, da Escola de Música e Danza, CRAEGA, así como de asociacións sociais e doutras dependencias multifuncionais.
  • O orzamento destinado para esta reforma integral da cuberta é de 255.812,85 € e o proxecto será licitado nos vindeiros días por concurso aberto.
  • “O orzamento destinado a este proxecto, que supera o cuarto de millón de euros, xa por si solo indica a envergadura e a importancia desta inversión para mellorar un edificio tan utilizado polos veciños e veciñas de Monforte como é o Edificio Multiusos que ademais ten fácil acceso e unha ampla posibilidade de estacionamento nas súas proximidades”, destacou o Alcalde.

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde e concelleira de Facenda, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, deu a coñecer un novo proxecto de mellora de infraestruturas da cidade que neste caso abordará a reforma integral da cuberta do Edificio Multiusos.

O Alcalde sinalou que

o proxecto que presentamos hoxe ten que ver coa mellora das infraestruturas públicas  que o Concello está levando a cabo en todos os campos para mellorar a prestación de servizos ós veciños e veciñas de Monforte, e neste caso, imos mellorar unha infraestrutura cultural e de servizos, como é o Edificio Multiusos, que foi construído hai 20 anos.

O Edificio Multiusos, situado na Rolda María Emilia Casas Baamonde, alberga a sede do Conservatorio Municipal de Música Mestre Ibáñez, da Escola de Música e Danza, do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), de diversas accións sociais, e ademais acolle a celebración de múltiples actos culturais ou exposicións.

Tomé Roca analizou a situación actual do edificio, incidindo en que “máis aló de cuestións estéticas, o deseño e a construción deste edificio, puxo de manifesto moitas carencias construtivas, tanto de carácter funcional, como de carácter estrutural, que se veñen arrastrando dende a súa propia construción”.

O Alcalde, puxo diversos exemplos destas carencias funcionais, tales como o funcionamento do ascensor, que nunca funcionou ata a chegada do actual Equipo de Goberno, encargándose entón a súa reparación; non era un edificio accesible ata que se fixo a rampa para cadeiras de rodas nunha das portas de acceso; no Salón de Actos, o anfiteatro está sen asentos, porque a falta de inclinación do chan non permite ver o escenario salvo dende a primeira fila; e sempre houbo filtracións de auga de chuvia e humidades en moitas zonas do edificio.

“Pero quizás o maior problema” destacou o rexedor monfortino “é, o problema estrutural, dado que é realmente o que motiva este proxecto, debido a que o edificio foi deseñado e construído co teito plano, nas diferentes alturas que ten o edificio, o que resulta inadecuado para zonas de choiva, como é o caso de Galicia, podendo ser válido este tipo de teitos para o sur da Península pero non serven para lugares como Monforte”.

Do mesmo xeito, a placa dos diferentes niveis do teito está recuberta cun illante e con gravilla que ademais de ser inadecuada para esta zona, semella que ten defectos de construción porque leva moitos anos filtrando auga de choiva, cos consecuentes perxuízos para o edificio.

 

Proxecto integral de mellora da cuberta

“Diante desta situación, o Equipo de Goberno decidimos levar a cabo a mellora integral do teito do Edificio Multiusos, para tratar de eliminar calquera tipo de filtración de auga de choiva, o que levan consigo un proxecto certamente relevante dado que estamos a falar de moitos metros cadrados de cuberta, concretamente 2.112,10 m2 que ten o actual teito do Edificio Multiusos”, anunciou o Alcalde.

Esta decisión foi tomada polo Equipo de Goberno tras consultar con varios técnicos, que coincidiron en aconsellar a colocación no edificio dunha nova cuberta con vertentes para evitar a acumulación de auga de choiva en calquera das zonas do teito, e evacuala fóra do edificio cos necesarios baixantes.

A reforma da cuberta consiste no cambio de estrutura para realizar todas as cubertas como cubertas inclinadas, por encima dos muros perimetrais da edificación, formando un pequeno aleiro con canalón visto en aluminio, a excepción da terraza, que se realizará por dentro dos muros cun canalón oculto.

Todas as cubertas do edificio que se sitúan a distinto nivel, levarán de material da nova cobertura, un panel tipo sandwich e 50 mm de espesor, exceptuando a zona do aleiro que se realiza cunha tela asfáltica autoprotexida, mantendo a altura, a forma e o volume edificado, aumentando lixeiramente a superficie da cuberta polos aleiros engadidos, para verter as augas pluviais fora das paredes do edificio.

A nova cuberta foi deseñada para conseguir un óptimo comportamento fronte ás accións do vento e a choiva, para unha correcta impermeabilización, para a evacuación de augas, para acadar un acondicionamento acústico (xa que agora cando chove fai moito ruído), e para dotalo tamén dun illamento térmico axeitado, cumprindo coa limitación da demanda de enerxía establecida para os edificios deste tipo de características.

A cuberta que se vai implementar na segunda planta resólvese cun panel sandwich de 50 mm, de dobre capa de aceiro, con illamento intermedio, colocado sobre correas de aceiro e unha estrutura metálica formada por cerchas de perfiles angulares e vigas de aceiro laminado.

Toda esta estrutura apoiase nos pilares de formigón existentes da estrutura do edificio, mediante uns pilares empresillados de aceiro formado por pletinas de 10 mm de grosor, que se corresponden coa zona do edificio xusto por riba do Salón de Actos.

No resto dos niveis da cuberta, a solución é semellante colocando ademais uns tabiques de ladrillo perforado para a conformación da pendente, que se levantarán dende a parte máis interior da cuberta plana, para conseguir a inclinación hacia o exterior.

Ademais da estrutura e da nova cuberta, tamén se realizará o pintado das fachadas que será cunha pintura acrílica á auga axeitada para exteriores e fachadas, moi resistente á intemperie, lavable e resistente ó roce húmido.

 

Máis dun cuarto de millón de euros de inversión

O Alcalde anunciou que o proxecto sairá a licitación nos próximos días, será por concurso aberto, e dende o Concello valorarase tanto a oferta económica, a calidade técnica das obras, así como as garantías da mesma (póliza de seguro).

O orzamento de licitación ascende a 255.812,85 euros,

o que xa por si solo indica a envergadura e a importancia desta inversión para mellorar un edificio tan utilizado polos veciños e veciñas de Monforte como é o Edificio Multiusos que ademais ten fácil acceso e unha ampla posibilidade de estacionamento nas súas proximidades

, concluíu Tomé Roca.