Recoñecementos á Inclusión en Galicia

  • Estes galardóns recoñecen o compromiso de particulares, empresas, centros especiais de emprego e institucións que contribúen cada día á inclusión socio laboral das persoas con discapacidade
  • Na mesa redonda “A inclusión laboral de persoas con discapacidade no marco dos ODS 2030” amosáronse boas prácticas de empresas galegas en inclusión

 

A Fundación Integralia, DKV e COGAMI organizaron os Recoñecementos á Inclusión en Galicia, un acto celebrado no Auditorio do Centro Sociocultural Ágora da Coruña, que ten o obxectivo de recoñecer ás traxectorias persoais, familias, empresas e institucións comprometidas coas persoas con discapacidade en Galicia.

Javier de Oña, subdirector da Fundación Integralia, foi o encargado de moderar a mesa redonda titulada “A inclusión laboral de persoas con discapacidade no marco dos ODS 2030”, na que participaron relatoras de Limanfer Ferrol, Vegalsa, COGAMI, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e NTT Data, onde se compartiron boas prácticas das empresas galegas e debatido as barreiras e os retos dos diferentes actores clave – empresas, administración, entidades sociais e o propio colectivo- para unha plena inclusión socio-laboral das persoas con discapacidade.

O acto, contou coa participación de María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; Yoya Neira, concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña; o Dr. Josep Santacreu, presidente de Fundación Integralia e CEO de DKV, Anxo Queiruga, presidente de COGAMI e Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. Tamén participaron no evento Cristina González, directora da Fundación Integralia, e Miguel García, director de Comunicación e Negocio Responsable de DKV.

María Jesús Lorenzana, sinalou “a importancia de impulsar o emprego entre as persoas con discapacidade para favorecer o seu avance social e a súa integración”.

Para o Dr. Josep Santacreu, “estes recoñecementos a persoas, empresas e institucións e administracións, contribúen a facer visible o compromiso de DKV coa causa social na que máis esforzo puxo a compañía ao longo dos anos: a discapacidade e á Fundación Integralia a reforzar os seus vínculos con organizacións que neste sector e en Galicia son un referente, como é COGAMI”

Anxo Queiruga destacou “a importancia dos recoñecementos que hoxe se entregaron supón de visibilidade e posta en valor do talento das persoas con discapacidade e a súa contribución, xunto ás entidades, empresas e centros especiais de emprego ao avance na construción dunha sociedade inclusiva, destacando a importancia de seguir traballando conxuntamente polas persoas, a súa inclusión e participación social en igualdade de oportunidades”.

As persoas galardoadas

Antonio Rodríguez Sotillos, xefe da Unidade de Lesionados Medulares do Chuac (Hospital Universitario da Coruña), recibiu da man de Josep Santacreu unha distinción especial polo seu compromiso coa saúde e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade de Galicia.

Yoya Neira, concelleira de Benestar, Igualdade e Participación do Concello da Coruña entregou o galardón á Traxectoria á Diversidade Profesional a Iago Pérez Santalla, doutor en Humanidades e Servizos Culturais, educador social, escritor e coach lucense, autor da teoría do «Ilímite» que sostén que calquera persoa “non ten máis límites que os que ela establece”.

Anxo Queiruga, presidente de COGAMI entregou o premio de Familia con Tesón á familia Rey Pérez. Milagros Rey agradece á organización este recoñecemento e confesa que o secreto do seu tesón foi saber reconducir a rabia. Esta enerxía é a que lle deu forzas para non deixar de reivindicar e así romper todas as barreiras que se atopou.

Yoya Neira, concelleira da Alcaldía da Coruña outorgou o premio ao Centro Especial de Emprego a Aixiña, un centro especial de emprego de Ourense no que traballan diferentes áreas como atención a persoas, centro de día e residencia, taller de estores, un taller de perchas, outro de artesanía e gravado de trofeos e un de restauración. “Desde 1991, en Aixiña sábese que un traballo digno é necesario. Por iso as 97 persoas con discapacidade que forman parte do persoal queren agradecer que hoxe podamos estar aquí e este Recoñecemento porque fai visible o noso traballo.” apunta Olga Cuiña, presidenta de Aixiña.

Juan Manuel Veites, presidente de CEG, deu o premio na categoría empresa responsable a Arnoia Distribución de Libros e Miguel García Patrón da Fundación Integralia á Traxectoria á Diversidade Profesional a Vitoria González Vázquez, quen agradeceu á organización e á súa familia o apoio recibido e fai un chamamento «é verdade que a inclusión laboral é moi importante pero non nos podemos esquecer tamén da inclusión no lecer e o deporte.»

Recoñecemento á Familia con Tesón recaeu en Juan Manuel Mata. Anxo Queiruga presidente de COGAMI premiou a Juan Manuel Mata; Carlos López Cachaza, director das sucursais da Coruña e Lugo de DKV, entregou o recoñecemento á Categoría de Centro Especial de Emprego ao CEE Emprego Social e José Manuel Maceira, secretario xeral adxunto de CEG, entregou o oitavo recoñecemento na categoría empresa a Contemar Servizos Ambientais.

Os novenos e décimos recoñecementos á Administración con Alma foron entregados ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións (CITIC), e ao Instituto Valedor do Pobo.

Fundación Integralia DKV

A Fundación Integralia naceu a partir dunha necesidade na atención aos clientes de DKV, converténdose en 21 anos nunha iniciativa de innovación social de referencia. A súa misión é a inserción socio laboral das persoas con discapacidade. Naceu no ano 2000 con tan só 9 empregados e hoxe xestiona  7 centros especiais de emprego (CEE) repartidos por toda España e preto de 600 empregados (99% incluíndo o Comité de Dirección con discapacidade certificada a partir do 33%). Impulsa un programa de cooperación ao desenvolvemento en Chile, Colombia, Perú e Portugal e no pasado en India e Polonia.

Ata o momento, máis de 4.700 persoas con discapacidade física, orgánica, sensorial e persoas con problemas de saúde mental beneficiáronse da Fundación. A actividade produtiva da 7 CEE da Fundación Integralia é a atención ao cliente multicanle, contact center e servizos de BPO, o negocio dixital e a consultoría para a inserción e cumprimento da LGD.

COGAMI

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) é unha entidade sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública que nace en 1990 e cuxa misión é conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación do asociacionismo e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.        

Constituída por 55 asociacións, ofrece servizos especializados dirixidos ás persoas con discapacidade para conseguir unha mellora da súa autonomía persoal, a súa calidade de vida, e que poidan desenvolver o seu proxecto vital acorde ás súas necesidades e intereses; e conta con 11 iniciativas empresariais de iniciativa social que operan en diversos sectores, xerando emprego no conxunto de Organización a máis de 1.150 persoas.

DKV Activistas da saúde

En marzo do 2020, DKV presentou o seu novo posicionamento de marca “Activistas da saúde” na que apela directamente á sociedade para involucrarse de maneira directa en causas como o coidado do medioambiente, a inclusión das persoas con discapacidade, a alimentación saudable, a loita contra a obesidade infantil e o benestar da muller.

DKV considera que as empresas teñen unha responsabilidade #ante os cidadáns e aposta por ser un negocio responsable: a entidade aseguradora defende que a necesidade de obter beneficios económicos, a través de bos produtos e un bo servizo, é compatible coa procura do beneficio social e ambiental.

En España, DKV está implantado en todo o territorio nacional cunha ampla rede de oficinas de seguros de saúde e consultorios, que dan servizo a preto de 2 millóns de clientes.

También te podría gustar...