• Sanidade fai recomendacións para o uso e desfrute das piscinas de uso colectivo e unifamiliar
  • A Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda aos usuarios ter cautela á hora de realizar certas manobras, como lanzarse de cabeza á auga
  • Aconséllase aos responsables do mantemento limpar e desinfectar as instalacións para evitar a transmisión de virus, bacterias e fungos

 

xunta-de-galicia-300x135A Consellería de Sanidade, a través dos seus respectivos departamentos territoriais, realiza a vixilancia sanitaria das piscinas de toda a comunidade galega.

Dende a Dirección Xeral de Saúde Pública lémbrase aos usuarios de piscinas de uso colectivo unha serie de normas para que o desfrute e uso das instalacións non supoña ningún risco para ninguén. Isto é publicado na páxina web do Sergas (http://www.sergas.es), na área Sanidade Ambiental do apartado Saúde Pública.

Algunhas delas son ducharse antes de mergullarse na auga, para así eliminar o suor, bronceadores e calquera tipo de produto aplicado na pel. É importante utilizar chancletas e nunca entrar ao recinto con calzado de rúa, así como evitar que os máis pequenos corran arredor da piscina, para evitar escorregadas.

Á hora de bañarse, os usuarios deben ser prudentes cando se lancen de cabeza ou se tiren do trampolín, comprobando sempre que non haxa ningún bañista mergullado. Ademais, Sanidade recorda o perigo de bañarse, particularmente en auga fría, se non transcorreron polo menos dúas horas da última comida.

En canto a preservar o medio, é esencial non deixar desperdicios tirados no recinto, e facer uso das papeleiras e recipientes dispoñibles nas inmediacións.

Para unha mellor convivencia entre usuarios, evite a entrada de animais nas instalacións da piscina, agás os cans guías.

 

Recomendacións sanitarias

O 11 de outubro de 2013 publicouse o Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, polo que se establecen os criterios técnico sanitarios das piscinas, que actualiza a normativa vixente nestas instalacións. Esta normativa inclúe as piscinas unifamiliares e as pertencentes a conxuntos inmobiliarios ou comunidades de veciños que terán que cumprir algúns dos artigos deste real decreto.

Neste caso Sanidade lanza unhas normas como a desinfección do contorno, duchas, etc., para así evitar unha transmisión de virus, bacterias e fungos, moi habituais cando se produce un contacto da pel con superficies húmidas. Isto é competencia dos responsables de mantemento do recinto.

É importante ter control da cantidade de desinfectante da auga das piscinas, xa que non pode chegar a ser irritante para os ollos, a pel e as mucosas dos bañistas. Os produtos químicos que se usen teñen que estar homologados polo Ministerio de Sanidade e Política Social ou cumprir coa lexislación específica que lles sexa de aplicación.

Ademais destas análises, cada mes debe realizarse un control da calidade da auga, dos que se extraen parámetros como a transparencia, pH e turbidez ou a concentración de desinfectante, entre outros.

Durante o tempo que as instalacións estean abertas ao público, un socorrista debe permanecer nelas para velar pola seguridade dos bañistas.