• A directora de Turismo de Galicia viaxa a Paraguai para continuar coa promoción do Camiño de Santiago
  • Nava Castro realizará dúas presentacións aos principais turoperadores turísticos do país do Camiño de Santiago como produto turístico na capital de Paraguai, Asunción, e na cidade de Ciudad del Este
  • Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta manterá diversos encontros institucionais e comerciais
  • Esta viaxe constitúe un paso máis na relación entre Galicia e Paraguai que está a ser cada vez máis intensa tras o protocolo de colaboración asinado por ambas rexións para poñer en marcha iniciativas conxuntas de promoción turística

Peregrinos llegando a Santiago de Compostela

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, iniciou onte unha viaxe institucional a Paraguai.

Durante a súa visita ao país sudamericano, Nava Castro realizará dúas presentacións aos principais turoperadores turísticos do país do Camiño de Santiago na capital de Paraguai, Asunción, e na cidade de Ciudad del Este que contarán coa participación da Ministra de Turismo da República de Paraguai, Marcela Bacigalupo.

A responsable de Turismo da Xunta explicará as numerosas iniciativas que leva a cabo o Goberno galego a prol do desenvolvemento e promoción do Camiño de Santiago como produto turístico e as distintas opcións que contan os peregrinos para organizar a súa viaxe. Nava Castro expoñerá, así mesmo, a oferta e servizos complementarios á ruta xacobea que ofrece Galicia como destino.

A viaxe da directora de Turismo de Galicia constitúe un paso máis na relación entre Galicia e Paraguai que está a ser cada vez máis intensa.

A visita ten lugar no marco do convenio de colaboración asinado por ambas rexións no ano 2015 para poñer en marcha iniciativas conxuntas de promoción turística e para o achegamento das rutas turísticas, tanto a Ruta Jesuítica de Paraguai como o Camiño de Santiago. O documento foi suscrito pola ministra de Turismo de Paraguai, Marcela Bacigalupo, e a directora de turismo de Galicia durante a Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, en presenza da máxima autoridade do turismo mundia, Talef Rifai, o secretario xeral da Organización Mundial de Turismo (OMT).

No mesmo senso de fidelizar as rutas con accións de promoción turística, se prevé a presentación da Ruta Jesuítica de Paraguai en Madrid, no marco da semana paraguaia que terá lugar en Madrid en maio.