Presentación da II Andaina do Viño de Monterrei

  • A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que promociona e pon en valor os seus recursos naturais

Na sala de xuntas do Pazo Provincial da Deputación de Ourense, tivo lugar esta mañá a presentación da segunda edición da Andaina do Viño de Monterrei que se celebrará o domingo, 18 de outubro. No acto estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o alcalde do Concello de Monterrei, José Luís Suárez Martínez; o responsable de Deportes deste concello, Marcos Meno Méndez, e o colaborador da Cooperativa Xeitura, Manuel Gallego.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa lúdico–deportiva “para promocionar o deporte e poñer en valor un recurso natural” afirmou Rosendo Fernández, quen engadiu: “A Deputación de Ourense está ao carón das iniciativas deportivas e, sobre todo, se son eventos deportivos que promoven a riqueza das nosas comarcas como é o caso”.

Presentación da II Andaina do Viño de Monterrei

Presentación da II Andaina do Viño de Monterrei

O alcalde de Monterrei destacou que a II Andaina do Viño de Monterrei “vén a dar continuidade a unha serie de actividades lúdico-deportivas que comezaron no mes de xuño e son sinónimo do compromiso que o Concello de Monterrei ten coa actividade físico-deportiva e a vida saudable”. Con respecto á organización da iniciativa José Luís Suárez asegurou, “tiñamos claro que o viño en toda as súas dimensións tiña que ser o eixe vertebrador desta actividade, combinando este recurso coa parte deportiva”. Ademais agradeceu á Deputación de Ourense “o seu apoio constante nas actividades que se realizan no concello”.

Manuel Gallego explicou os aspectos técnicos da andaina sobre os cambios que esta presenta con respecto á edición pasada, entre os que se atopa a distancia do percorrido que este ano é de 25 quilómetros durante os cales os participantes terán a súa disposición tres puntos de avituallamento.

Pola súa banda, Marcos Meno destacou a gran acollida que está a ter esta iniciativa tamén entre a xente de fóra da provincia, e afirmou que a proba “conta cunha afluencia de 120 persoas, aproximadamente, roldando ás cifras do ano anterior”.

A andaina sairá ás 10 da mañá da alameda de Albarellos, e os interesados en participar poderán inscribirse ata o mesmo día da proba, sendo o prezo da inscrición de 5 euros. Ao remate da proba os participantes poderán gozar dun xantar degustación e probar os viños da zona.

También te podría gustar...