• Os máis novos, protagonistas dun pleno infantil na Deputación de Ourense
  • Alumnos do colexio San José – Josefinas de Ourense participaron xunto ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, nunha sesión plenaria na que solicitaron a creación de rutas culturais para os colexios da provincia e para estudantes de Primaria
Pleno infantil dos alumnos do colexio San José Josefinas de Ourense.

Pleno infantil dos alumnos do colexio San José Josefinas de Ourense.

 

A Deputación de Ourense recibiu hoxe a visita de medio cento de alumnos e profesores de Educación Primaria do colexio San José – Josefinas, quen protagonizaron, xunto ao presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e aos deputados Montserrat Lama e Manuel Doval, un pleno infantil no que se “aprobou por unanimidade” unha moción relativa á creación de rutas culturais para todos os colexios da provincia de Ourense, co obxectivo de que os nenos e nenas de Primaria poidan coñecer o patrimonio histórico-artístico e visitar os lugares de interese histórico da provincia de Ourense.

Na sesión, que se celebrou no Salón de Plenos da institución provincial, os estudantes coñeceron da man do presidente Baltar o labor que desenvolven as deputadas e deputados da corporación, e o funcionamento dos diferentes departamentos que conforman a Deputación de Ourense, así como os servizos que ofrece á cidadanía e aos 92 concellos da provincia.

Manuel Baltar explicoulles as actuacións da Deputación e as liñas estratéxicas de traballo que desenvolve o ente provincial nos ámbitos da cultura, deporte, infraestruturas, termalismo, servizos sociais, atención a infancia, cooperación cos concellos e medio ambiente, e destacou a iniciativa de “Provincia Intelixente” -impulsada polo propio presidente Baltar- co obxectivo de desenvolver servizos e proxectos innovadores na administración pública aplicados ás xestións dos concellos e dos cidadáns de Ourense. Baltar falou tamén da importancia que supón que a Deputación conte cos principais espazos culturais e deportivos da provincia de Ourense, como son o Teatro Principal, o Pazo dos Deportes “Paco Paz” e o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”. “Todo un traballo –dixo- que realizamos desde a Deputación cunha visión integral de provincia e apoiando a todos os concellos, que é o labor do goberno provincial”.

Pola súa banda, os alumnos, na quedan de preguntas ao presidente, interesáronse por coñecer o labor que realizan os deputados; o sistema de elección dos mesmos, e o funcionamento do Salón de Plenos nas sesións plenarias. Ao remata do pleno, que se retransmitiu a través da web da Deputación, cada alumno foi agasallado con tres libros, referidos a Autores ourensáns no Día das Letras Galegas, Galegos na historia: Ramón Otero Pedrayo, e 180 anos de historia provincial.