O CENTRO DE SAÚDE DE PEREIRO DE AGUIAR INCORPORARÁ UN TERCEIRO MÉDICO O VINDEIRO MES DE FEBREIRO

  • Con esta medida a Xerencia de Xestión Integrada aposta pola calidade asistencial ampliando o cadro persoal e os tempos de consulta

  • O reforzo de persoal médico levará parello o aumento da carteira de servizos, con novos programas preventivos e de educación sanitaria, como o Programa da Muller

SERGASDando cumprimento ao seu compromiso de adecuar a oferta sanitaria ás necesidades e actividade asistencial de cada concello, a Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Ourense incrementará o cadro de persoal médico do Centro de Saúde de Pereiro de Aguiar cun terceiro facultativo, que se incorporará o vindeiro día 4 de febreiro.

O incremento de persoal médico permitirá reforzar a asistencia deste centro de saúde, posibilitando a mellora da calidade asistencial e de seguimento dos programas sanitarios de prevención e coidado da saúde.

O cadro de persoal do centro de saúde quedará así formado por tres médicos, dúas enfermeiras e un administrativo, dotación de persoal óptima para dar resposta á demanda sanitaria deste concello, que experimentou un aumento de poboación nos últimos dez anos, pasando de 3.000 usuarios, en 2006, aos actuais 3.433, un incremento do 14,4%, pouco habitual no noso entorno.

O reforzo de persoal médico levará parella a potenciación da súa carteira de servizos, xa que a maior calidade de tempo asistencial permitirá, aos seus profesionais, desenvolver novos programas preventivos e de educación sanitaria destinados á poboación, como o Programa da Muller.

Novo Programa da Muller

O Programa da Muller está centrado na súa atención integral, ao longo de toda a súa vida, atendendo tanto ás distintas etapas do ciclo reprodutivo como á prevención ou controis de saúde específicos do seu xénero. Así, o programa inclúe o asesoramento e atención, por parte dos propios profesionais do centro, sobre planificación familiar, anticoncepción ou embarazo, revisións xinecolóxicas básicas, seguimento do embarazo normal, diagnóstico precoz do cancro xinecolóxico e complicacións da menopausia.

Xunto a posta en marcha deste novo programa asistencial, tamén reforzarase o programa de mellora na atención a pacientes crónicos e polimedicados, que ten por obxectivo mellorar a calidade e seguridade asistencial da prestación farmacéutica, mediante o asesoramento sobre o uso de fármacos, resposta aos problemas relacionados co uso de medicamentos e continuidade terapéutica nos pacientes crónicos.

Asemade, continuarase coa estratexia galega de coidados paliativos, para a atención dos pacientes que presentan enfermidades avanzadas e progresivas, así como co programa de diagnóstico e tratamento da enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), e o de seguimento do paciente diabético.

Por último, cabe subliñar a eficacia dos programas de acceso inmediato á consultas ou probas diagnósticas especializadas, mediante as vías rápidas, iniciadas pola Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, xa en 2010, e que permiten aos profesionais Primaria á derivación directa e inclusión do paciente nun circuíto asistencial rápido para o seu diagnóstico ou tratamento, ante a sospeita de cancro de pulmón, mama, vexiga, próstata, colorectal ou de larinxe, ademais das específicas de melanoma, demencia ou lumbalxia.