Paco Nadal no xeodestino Terra de Celanova-Serra do Xurés

  • Esta actuación de promoción realízase co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, e ten o obxectivo de proxectar unha Galicia auténtica a través dos principais atractivos turísticos deste territorio

 

O Inorde e o xeodestino Terra de Celanova-Serra do Xurés, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, promoven unha acción de promoción deste territorio ourensá co xornalista Paco Nadal, quen asegurou que esta viaxe polos principais recursos turísticos deste xeodestino están a amosarlle “unha Galicia auténtica, afastada das aglomeracións e de carácter natural”.

O coñecido xornalista, que é unha das persoas máis influentes nos contidos sobre viaxes no panorama nacional, chegou a provincia o pasado luns 8 de novembro, en tren desde Madrid, para vivir en primeira persoa a experiencia turística de calquera visitante que se achegue ata Ourense. Durante o primeiro día, coñeceu a vila de Celanova e a súa contorna, comezando a publicar nas súas propias redes imaxes de lugares patrimoniais tan emblemáticos como o Mosteiro de San Rosendo, que tras visitalo en profundidade, asegurou que lle parecía «un dos grandes Mosteiros de Galicia e a Igrexa unha auténtica xoia”, ao igual ca Praza Maior desta vila, sinalou.

O martes, 9 de novembro, desprazouse ata a comarca da Baixa Limia para coñecer a riqueza termal e patrimonial que ofrecen os municipios de Bande e Entrimo. Nesta ruta, visitou o Aquis Querquennis e as termas romanas. Para Paco Nadal, deben ser este conxunto arqueolóxico, xunto coa Vía Nova e o legado romano, “o eixo sobre o que se vertebre este territorio para continuar a poñelo en valor”. Nesta visita, tamén coñeceu os recursos termais no municipio de Lobios asegurando o xornalista que “o termalismo, é a outra gran baza deste xeodestino”.

 

Hoxe, 10 de novembro, Paco Nadal afondará na oferta natural polo que visitará o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, e realizará unha ruta de sendeirismo e actividades de BTT, propias da oferta en turismo activo que ofrece esta zona.

Ademais, ao longo desta semana, está a visitar pequenas empresas locais elaboradoras de produtos enogastronómicos de referencia nesta zona como son o mel, o queixo ou o chourizo, e realizará a ruta arqueolóxica Maus de Salas. A través desta viaxe, Paco Nadal coñecerá os recursos cabeceira que representan a marca turística da nosa provincia (termalismo, patrimonio, natureza e enogastronomía), pero limitado aos municipios que integran este xeodestino e que son os seguintes: Cartelle, A Merca, Gomesende, Ramirás, Padrenda, Quintela de Leirado, Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e A Bola.

Esta viaxe forma parte dunha das accións de promoción previstas para realizar neste xeodestino. Dela, xurdirán contidos que se compartirán en redes, tanto do propio xornalista, como do xeodestino, ao longo das vindeiras semanas. Paralelamente, estase a gravar un vídeo cuxo resultado final publicará Paco Nadal na súa canle de Youtube, e mostrarase o resultado deste traballo no mes de xaneiro no transcurso de Feira Internacional de Turismo de Madrid.