• Ourense terá o status de “Provincia cardio-protexida”
  • O pleno da Corporación Provincial, celebrado esta semana, aprobou un plan de cooperación para axudar aos concellos da provincia de menos de vinte mil habitantes na adquisición de desfibriladores para a súa instalación nos espazos de maior afluencia de público

O pleno da Corporación Provincial correspondente ao mes de xuño de 2016 aprobou a posta en marcha dun plan de cooperación para axudar aos concellos da provincia de menos de vinte mil habitantes na adquisición de desfibriladores, para a súa instalación nos espazos de maior afluencia de público, conseguindo así Ourense a condición de “Provincia cardio-protexida”, en coherencia coa visión integral do noso territorio que defende esta Deputación.

Os desfibriladores situaranse en espazos de gran afluencia de público, como oficinas municipais, infraestruturas deportivas ou culturais, piscinas, etc… Deste xeito, veciños e visitantes contarán coa protección necesaria ante a aparición de calquera episodio de parada cardíaca aguda. A axuda da Deputación consistirá, como mínimo, nun 50 % do prezo do desfibrilador, procurando a formación específica necesaria para o manexo dos aparellos por persoal capacitado.

Pleno da Deputación de Ourense - Xuño 2016

Pleno da Deputación de Ourense – Xuño 2016

 

A totalidade dos acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense celebrado esta semana foron os seguintes:

EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN N.º 1/2016 DAS BASES DE EXECUCIÓN DO ORZAMENTO DO INORDE PARA O EXERCICIO 2016

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación n.º 1/2016 das bases de execución do orzamento do INORDE para o exercicio 2016, para a previsión, con cargo á aplicación orzamentaria 422.11/462.01″a concellos, subvencións nominativas”, de subvencións nominativas ás seguintes entidades para o concepto e polo importe que se detallan:

Número Beneficiario Finalidade Importe

1 Concello de Cea Redacción PE 2ª fase 50.000 €

2 Concello de Pontedeva Redacción Plan Parcial 36.775 €

3 Concello de Vilamarín Redacción PE 100.000 €

4 Concello da Peroxa Redacción proxecto PE 40.000 €

5 Concello de Oímbra Redacción PE 79.000 €

6 Concello de Melón PXOM 50.000 €

TOTAL 355.775 €

As actuacións números 1, 2, 3, 4 e 5 serán realizadas polo propio INORDE nos termos que recollan os convenios de colaboración que se subscriban con cada concello.

2º.- De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público tralo anuncio no BOP, por quince (15) días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno. O expediente considerarase definitivamente aprobado, se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS N.º 2/2016 DO ORZAMENTO DO INORDE

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación de créditos n.º 2/2016 do orzamento do INORDE, para o exercicio 2016, co seguinte detalle:

SUPLEMENTOS DE CRÉDITO

PARTIDA EXPRESIÓN IMPORTE €

42211/212.00 Reparación de edificios e outras construcións. 15.000,00 €

42211/227.10 Gastos diversos en feiras e exposicións. 25.000,00 €

42211/626.00 Investimentos reais en equipos para proceso da información 8.000,00 €

42211/622.00 Investimentos reais en edificios e outras construcións. 220.000,00 €

SUMA SUPLEMENTOS DE CRÉDITO 268.000,00 €

CONCESIÓN DE CRÉDITOS EXTRAORDINARIOS

PARTIDA EXPRESIÓN IMPORTE €

42211/207.00 Prestación de servizos a Inorde. 70.000,00 €

42211/226.19 Actividades turísticas Xeodestino 12 18.750,00 €

42211/623.00 Maquinaria, instalacións técnicas e ferramentas. 43.000,00 €

42211/625.00 Mobiliario 2.500,00 €

SUMA CRÉDITOS EXTRORDINARIOS 134.250,00 €

RESUMO

Suma suplementos de crédito…………………………………………. 268.000,00 €

Suma concesión de créditos extraordinarios…………………………… 134.250,00 €

TOTAL…………………………………………………………… 402.250,00 €

RECURSOS UTILIZADOS

Remanente Tesourería. Subconcepto 870.00 para financiar gastos xerais

402.250,00 €

2º.- De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ó público tralo anuncio no BOP, por quince (15) días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno. O expediente considerarase definitivamente aprobado, se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

AUTOVÍA A-52

Acordo:

A Deputación require do Ministerio de Fomento que corrixa as carencias e deficiencias que presenta a autovía A-52 e en consecuencia a que dote orzamentariamente partidas que permitan facer un mantemento periódico e nas debidas condicións da autovía.

EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN ADMINISTRATIVA ESPECIAL PARA A PRESTACIÓN DO SERVIZO DENOMINADO “PISCINA TERMAL EN LAIAS”

Acordo:

1º.- Aprobar o expediente elaborado para a contratación administrativa especial para a prestación do servizo denominado “piscina flotante de auga termal no río Miño”, en Laias, termo municipal de Cenlle (Ourense)

2º.- Dispoñer a apertura da fase de adxudicación, mediante procedemento negociado sen promover concorrencia na oferta (artigo 170 d) do TRLCSP, artigo 32.2 b) iii da Directiva 2014/24/UE del Parlamento Europeo y del Consejo sobre contratación pública e memoria xustificativa da Presidencia de data 26.05.2016) e en trámite ordinario (artigos 109 e 110 do TRLCSP).

3º.- Delegar na Xunta de Goberno todos os acordos necesarios para a adxudicación do presente contrato, de acordo coas previsións do artigo 33.4 da Lei 7/1985, reguladora das Bases do réxime local e apartado segundo da Disposición Adicional segunda do Real Decreto Lexislativo 3/2011, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público.

PROGRAMA DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS PARA A INSTALACIÓN DE DESFIBRILADORES ADQUIRINDO OURENSE O STATUS DE “PROVINCIA CARDIOPROTEXIDA”

Acordo:

1. Aprobar a elaboración dun Plan de cooperación cos concellos para axudar aos concellos da provincia de menos de vinte mil habitantes na adquisición de desfibriladores para a súa instalación nos espazos de maior afluencia de veciñas e veciños, conseguindo Ourense a condición de PROVINCIA CARDIOPROTEXIDA.

2. Incluír no dito Plan que a axuda da Deputación consista, como mínimo, nun 50% do prezo do desfibrilador, procurando a formación específica para o seu correcto manexo por persoal capacitado.

INVENTARIO DO PATRIMONIO ARTÍSTICO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE E EXPOSICIÓN DAS SÚAS MELLORES PEZAS CON CARÁCTER ITINERANTE E COMARCAL

Acordo:

Realizar un inventario do patrimonio artístico e cultural dos fondos da Deputación de Ourense.

Organizar unha exposición itinerante de carácter comarcal coas pezas artísticas máis destacadas do patrimonio artístico-cultural provincial.

Poñer en marcha tódalas actuacións complementarias, conferencias, publicacións, etc. que contribúan á súa difusión e achegamento ás veciñas e veciños da provincia.

DECLARACIÓN DO COUTO MIXTO COMO TERRITORIO HISTÓRICO

Acordo:

A Deputación promoverá e apoiará as actividades que poñan en valor o Couto Mixto mediante convenios cos concellos de Calvos de Randín e de Baltar incluíndo, entre outras posibles accións, os recursos necesarios para a súa declaración como “territorio histórico” e a inscrición no rexistro de Bens Culturais de Galicia.