Obxectivo 2020: unha casa niño ou unha escola infantil en todos os concellos

  • Feijóo garante a aposta pola dinamización do rural coa creación de 30 novas casas niño en 2017 e co obxectivo de que en 2020 todos os concellos teñan unha casa niño ou unha escola infantil
  • “Imos seguir traballando por dinamizar o rural con medidas tributarias, fiscais e sociais”, di, precisando que as 30 casas niño que se porán en marcha o ano que vén xa están incluídas nos orzamentos que se acaban de presentar
  • Afirma que esas 30 novas casas niño sumaranse ás 30 que abrirán entre 2016 e os primeiros meses de 2017
  • Subliña que para responder ao reto demográfico o ano próximo crecerá un 11% o orzamento destinado a familia e infancia, que pasará de 97 millóns de euros a máis de 107
  • Incide en que dinamizar o rural tamén é apostar polo programa impostos cero, de tal xeito que para adquirir ou vender un predio non se paguen impostos; comprometer que as familias numerosas, os mozos e as persoas con algunha discapacidade poidan comprar unha casa no rural sen ningún tipo de impostos e axudar, neste 2016, a que máis de 600 mozos poidan emprender no eido agrogandeiro

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso do Goberno galego por dinamizar o rural coa creación en 2017 de 30 novas casas niño e co obxectivo de que en 2020 todos os concellos galegos teñan unha casa niño ou unha escola infantil. “Imos seguir traballando por dinamizar o rural con medidas tributarias, fiscais e sociais”, aseverou, precisando que as 30 casas niño que se porán en marcha o ano que vén xa están incluídas nos orzamentos que se acaban de presentar e que se sumarán ás 30 que abrirán entre 2016 e os primeiros meses de 2017.

Feijóo asegurou que o Executivo autonómico seguirá respondendo ao reto demográfico e que en 2017 o orzamento destinado a familia e infancia crecerá un 11%, pasando de 97 millóns de euros a máis de 107. Ademais, tamén recordou que no curso 2015/16 se crearon case 2.000 novas prazas sostidas con fondos públicos.

O responsable do Goberno galego referiuse ás casas niño como un exemplo da importancia de que a Xunta saiba identificar e apoie aqueles recursos e aquel capital humano que está dispoñible para contribuír ao avance do país. Así mesmo, lembrou que a finais de maio se lanzou unha liña de axudas por importe de 2,5 millóns de euros e se comezou a impartir formación a aquelas persoas interesadas en abrir unha casa niño. A resposta foi tan intensa como se agardaba e axiña se esgotou o crédito previsto.

Deste xeito, pouco máis de seis meses despois, xa son oito as casas niño que están funcionando. Así, os pais e as nais dos concellos ourensáns de Baños de Molgas, Cenlle, Carballeda de Avia, Maside, Manzaneda e Leiro; de Frades, na Coruña; e de Castroverde, en Lugo, xa dispoñen dun servizo para que os seus fillos menores de 3 anos estean atendidos mentres eles traballan.

Así mesmo, explicou que cada casa niño proverá atención gratuíta a un máximo de cinco cativos nun horario flexible de luns a venres. “Polo tanto, o que estamos é demostrando que no rural hai resposta ás inquietudes e á conciliación da vida laboral e familias”, abundou. Tamén fixo fincapé en que dinamizar o rural é apostar polo programa impostos cero, de tal xeito que para adquirir ou vender un predio non se paguen impostos; comprometer que a partir de xaneiro deste ano as familias numerosas, os mozos e as persoas con algunha discapacidade poidan comprar unha casa no rural sen ningún tipo de impostos e axudar neste 2016 a que máis de 600 mozos poidan emprender no eido agrogandeiro.

También te podría gustar...