Obras de reforma integral da cuberta do Edificio Multiusos

  • O Alcalde de Monforte anuncia a conclusión 
  • José Tomé Roca, comunicou a finalización deste importante proxecto que supuxo a mellora integral da cuberta do Edificio Multiusos, que é a sede do Conservatorio de Música Mestre Ibáñez, da Escola de Música e Danza, CRAEGA, así como de asociacións sociais e doutras dependencias multifuncionais
  • O orzamento destinado para esta reforma integral da cuberta foi de 255.812,85 € e o proxecto foi adxudicado á empresa Obras Gallaecia SL
  • “O orzamento que destinamos a finais do pasado ano a este proxecto, que superou o cuarto de millón de euros, xa por si solo indica a envergadura e a importancia desta inversión, que significou a mellora dun edificio tan utilizado polos veciños e veciñas de Monforte como é o Edificio Multiusos que ademais ten fácil acceso e unha ampla posibilidade de estacionamento nas súas proximidades”, destacou o Alcalde
Multiusos antes da reforma

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou a conclusión dos traballos do que foi un importante proxecto de mellora de infraestruturas da cidade, en concreto, o que abordou a reforma integral da cuberta do Edificio Multiusos.

O Alcalde, dera a coñecer esta importante actuación a finais do pasado mes de outubro, e que supuxo “mellorar unha infraestrutura cultural e de servizos, como é o Edificio Multiusos, que foi construído hai 20 anos” .

O Edificio Multiusos, situado na Rolda María Emilia Casas Baamonde, alberga a sede do Conservatorio Municipal de Música Mestre Ibáñez, da Escola de Música e Danza, do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), de diversas accións sociais, e ademais acolle a celebración de múltiples actos culturais ou exposicións.

O proxecto de mellora tiña por obxectivo, en verbas de Tomé Roca, ”solventar o problema estrutural dun edificio que foi deseñado e construído co teito plano, nas diferentes alturas que ten o edificio, o que resulta inadecuado para zonas de choiva, como é o caso de Galicia, podendo ser válido este tipo de teitos para o sur da Península pero non serven para lugares como Monforte”.

Do mesmo xeito, a placa dos diferentes niveis do teito estaba recuberta cun illante e con gravilla que ademais de ser inadecuada para esta zona, semellaba ter defectos de construción debido a que levaba moitos anos filtrando auga de choiva, cos consecuentes perxuízos para o edificio.

O orzamento que o Equipo de Goberno destinou a esta actuación foi de 255.812,85 euros, e o desenvolvemento das obras correu a cargo da empresa Obras Gallaecia SL, por 233.520,03 ive engadido.

Multiusos tras a reforma

 

Proxecto integral de mellora da cuberta

“Diante desta situación, o Equipo de Goberno decidimos levar a cabo a mellora integral do teito do Edificio Multiusos, para tratar de eliminar calquera tipo de filtración de auga de choiva, o que levan consigo un proxecto certamente relevante dado que estamos a falar de moitos metros cadrados de cuberta, concretamente 2.112,10 m2 que ten o actual teito do Edificio Multiusos”, anunciara o Alcalde o pasado ano.

Esta decisión foi tomada polo Equipo de Goberno tras consultar con varios técnicos, que coincidiron en aconsellar a colocación no edificio dunha nova cuberta con vertentes para evitar a acumulación de auga de choiva en calquera das zonas do teito, e evacuala fóra do edificio cos necesarios baixantes.

A reforma da cuberta consistiu así no cambio de estrutura para realizar todas as cubertas como cubertas inclinadas, por encima dos muros perimetrais da edificación, formando un pequeno aleiro con canalón visto en aluminio, a excepción da terraza, que se realizará por dentro dos muros cun canalón oculto.

Todas as cubertas do edificio que se sitúan a distinto nivel, levaron de material da nova cobertura un panel tipo sandwich e 50 mm de espesor, exceptuando a zona do aleiro que se realizou cunha tela asfáltica autoprotexida, mantendo a altura, a forma e o volume edificado, aumentando lixeiramente a superficie da cuberta polos aleiros engadidos, para verter as augas pluviais fora das paredes do edificio.

A nova cuberta foi deseñada para conseguir un óptimo comportamento fronte ás accións do vento e a choiva, para unha correcta impermeabilización, para a evacuación de augas, para acadar un acondicionamento acústico (xa que agora cando chove fai moito ruído), e para dotalo tamén dun illamento térmico axeitado, cumprindo coa limitación da demanda de enerxía establecida para os edificios deste tipo de características.

A cuberta que se implementou na segunda planta resólveuse cun panel sandwich de 50 mm, de dobre capa de aceiro, con illamento intermedio, colocado sobre correas de aceiro e unha estrutura metálica formada por cerchas de perfiles angulares e vigas de aceiro laminado.

Toda esta estrutura apoiouse nos pilares de formigón existentes da estrutura do edificio, mediante uns pilares empresillados de aceiro formado por pletinas de 10 mm de grosor, que se corresponden coa zona do edificio xusto por riba do Salón de Actos.

No resto dos niveis da cuberta, a solución foi semellante colocando ademais uns tabiques de ladrillo perforado para a conformación da pendente, que se levantaron dende a parte máis interior da cuberta plana, para conseguir a inclinación hacia o exterior.

Ademais da estrutura e da nova cuberta, tamén se realizou o pintado das fachadas cunha pintura acrílica á auga axeitada para exteriores e fachadas, moi resistente á intemperie, lavable e resistente ó roce húmido.

O Alcalde resalta

a envergadura e a importancia deste proxecto que ven de supor unha mellora moi significativa para un edificio tan utilizado polos veciños e veciñas de Monforte, como é o Edificio Multiusos, e que dende agora poderán disfrutalo sen os problemas que presentaba antes de dita reforma.