O Belén Hebreo de Monforte ten efectos lumínicos que simulan o día e a noite, así coma fontes e unha fervenza de auga

  • O Alcalde inaugurou o Belén Hebreo que acolle a Casa da Cultura de Monforte este Nadal

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luisa Losada, inaugurou o Belén Hebreo que foi elaborado polo artista J. Antonio Dávila, quen estivo tamén presente en dito acto.

O Belén, que está instalado na Sala de Exposicións da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte, poderase visitar ata ó 14 de xaneiro de 2021, e sempre atendendo ás medidas de seguridade e aforos determinadas polas autoridades sanitarias por mor da Covid-19

Trátase dun Belén de vinte metros cadrados con sesenta figuras de diferentes tamaños  e no que se narran diferentes escenas e aparecen diferentes personaxes relacionadas co Nacemento do neno Xesús: a Anunciación, pedindo pousada en Belén, o propio Nacemento, a visita dos Reis Magos a cabalo e dos pastores, o empadroamento, a fuxida a Exipto, Herodes, comerciantes, soldados romanos…

Tamén conta con toda clase de edificacións tales como o castelo de Herodes, a pousada, o forno, a ferrería, o portal do nacemento,…

A montaxe ideada por J. Antonio Dávila ten efectos lumínicos que simulan o día e a noite, así coma fontes e unha fervenza de auga.

O Alcalde e o seu Equipo de Goberno convidan a todos os monfortinos e monfortinas a visitar e disfrutar deste Belén, sempre cumprindo coas medidas de distanciamento social e hixiene ante o Coronavirus.