O Servizo Galego de Saúde adxudica o equipamento de diagnóstico pola imaxe e medicina nuclear para os hospitais públicos

SERGASO Servizo Galego de Saúde vén de facer pública na súa páxina web a adxudicación á empresa Philips Ibérica, S.A. do equipamento de diagnóstico pola imaxe e medicina nuclear (lote 1) do expediente de contratación da alta tecnoloxía sanitaria dos hospitais do Sergas. Supón unha inversión nesta tecnoloxía sanitaria por un importe de 48.378.953,42 euros, con IVE.

Con esta adxudicación, o departamento que dirixe Rocío Mosquera dá un paso máis na súa intención de dotar o Sergas da alta tecnoloxía necesaria para aumentar a calidade diagnóstica e asistencial, mellorar a dispoñibilidade do equipamento e atender de forma máis eficiente a demanda das probas diagnósticas e dos procedementos terapéuticos que empregan estas tecnoloxías.

O contrato da alta tecnoloxía permitirá mellorar a atención á cidadanía, poñer a disposición dos profesionais da saúde as últimas técnicas diagnósticas e terapéuticas, participar en programas de investigación e innovación de ámbito internacional e contar cunha plataforma avanzada de diagnóstico pola imaxe. O contrato implica, pois, a renovación tecnolóxica existente e a incorporación do novo equipamento co obxecto de aumentar a produtividade e a capacidade diagnóstica do Sergas.

En concreto o lote 1 inclúe resonancia magnética (dotación de sete novos equipos e evolución tecnolóxica doutros cinco), tomografía computerizada (dotación de dez novos TC e evolución tecnolóxica doutros sete equipos) e a dixitalización completa de toda a mamografía, coa dotación de 16 novos mamógrafos.

Ademais, neste lote inclúese a dixitalización da radioloxía hospitalaria e dos centros de especialidades coa dotación de 20 novos equipos e coa evolución tecnolóxica doutros 24 equipos, así como a dotación de tres novas salas de intervencionismo vascular e de dúas novas salas de neurorradioloxía e a evolución tecnolóxica doutras dúas salas de intervencionismo vascular. Por último, con respecto da medicina nuclear, inclúese a dotación de catro novas ganmacámaras e dous novos PET.

También te podría gustar...