pleno.deputacion.05

 

A institución provincial pon a disposición da provincia estes fondos por medio do Plan Estratéxico de Subvencións, o Plan de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e o Plan BenOurense 2015 

O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe investimentos por importe de 12,4 millóns de euros para obras de infraestruturas, servizos sociais, cultura, deporte e ámbito económico destinados aos concellos da provincia de Ourense.

Estes orzamentos enmárcanse dentro do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da rede viaria provincial para 2015; e do Plan Estratéxico de Subvencións, que contempla a concesión do 80% das axudas por concorrencia competitiva, sendo as liñas de axudas o asociacionismo veciñal, educación, cultura, deporte, benestar social, desenvolvemento económico da provincia e obras e servizos municipais. Tamén se aprobou o Plan de Servizos Sociais “BenOurense 2015”, que destina este ano un millón de euros para o programa de asistencia económica, técnica e xurídica aos pequenos e medianos municipios da provincia de Ourense en materia de servizos sociais comunitarios. As accións que contempla este programa son: asistencia económica para o persoal técnico de servizos sociais e para o servizo de axuda no fogar, así como asistencia técnica e xurídica complementaria en materia de servizos sociais que presta a Área de Benestar da Deputación de Ourense.

Outros acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense de data 28/11/2014 son:

RENUNCIA DE DON JOSÉ VÍCTOR GONZÁLEZ VÁZQUEZ AO CARGO DE DEPUTADO PROVINCIAL.

Acordo:

Tomar razón da renuncia do deputado provincial don José Víctor González Vázquez, deixándose constancia dela. Solicitar da Xunta Electoral Central a designación de suplente para a toma de posesión na próxima sesión.

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DO EXERCICIO DAS FACULTADES QUE O CONCELLO DE CHANDREXA DE QUEIXA TEN ATRIBUÍDAS EN MATERIA DE XESTIÓN RECADATORIA DE MULTAS COERCITIVAS E EXECUCIÓN FORZOSA DE ACORDOS MUNICIPAIS

Acordo:

Aceptar a delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de Chandrexa de Queixa ten atribuídas en materia de xestión recadatoria de  multas coercitivas e da execución forzosa de acordos municipais previstos no artigo 96 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e artigo 7 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no acordo do Pleno do dito concello do día 17 de outubro de 2014. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias nesta materia.

APROBACIÓN DO PLAN ESTRATÉXICO DE SUBVENCIÓNS

Acordo:

Aprobar inicialmente o Plan estratéxico de subvencións da Deputación Provincial de Ourense e do INORDE para o exercicio 2015, co seguinte contido:

Someter o expediente a información pública durante o prazo de 20 días hábiles, de conformidade co establecido na Ordenanza xeral de subvencións, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno. O expediente considerarase definitivamente aprobado, se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

APROBACIÓN DA LIQUIDACIÓN DO PADRADO DE TURISMO

Acordo:

Aproba-la liquidación definitiva do Padroado Provincial de Turismo, conforme coa proposta da Comisión Liquidadora.

Dispoñer, con efectos do día da data, a cesión á Deputación Provincial de Ourense dos dereitos de crédito do Padroado .

Declara-la disolución definitiva do Padroado Provincial de Turismo e a total extinción da súa personalidade xurídica, con efectos do día da data.

Facultar á Presidencia da Deputación para levar a cabo cantos actos sexan necesarios para a total execución do presente acordo.

APROBACIÓN DAS BASES PARA A ELABORACIÓN E EXECUCIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL PARA O EXERCICIO 2015

Acordo:

Aprobar as bases para a elaboración e execución do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2015.

Ordenar a publicación das bases no BOP de Ourense, para coñecemento das concellos e entidades locais interesados.

EXPROPIACIÓN FORZOSA PARA A EXECUCIÓN DA OBRA DE REPARACIÓN E AMPLIACIÓN DO CAMIÑO A CUBILLEDO, N.º 46/PB/2014, EN LEIRO

Acordo:

Ter por declarada a utilidade pública das obras mencionadas, ó figurar incluídas no “Plan Provincial de Obras e Servizos de Carácter municipal 2014”, de conformidade co disposto no artigo 10 da Lei de Expropiación Forzosa.

Acordar definitivamente a necesidade de ocupación dos terreos incluídos na relación de bens e dereitos afectados pola expropiación.

Notificarlles este acordo ós interesados, de conformidade coa lexislación vixente.

EXPROPIACIÓN FORZOSA PARA A EXECUCIÓN DA OBRA DE MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL OU-0306 SAN CRISTOVO-LEIRO, N.º 118/PB/2014, EN LEIRO

Acordo:

Aproba-lo proxecto técnico da obra de mellora da estrada provincial “OU-0306 SAN CRISTOVO-LEIRO”, Nº 118/PB/2014, no concello de Leiro, así como o anexo de expropiacións, no que se inclúe o plano parcelario e a relación de bens afectados.

Ter por declarada a utilidade pública das obras mencionadas, de conformidade co disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, de 28 de xuño, de estradas de Galicia.

Acordar definitivamente a necesidade de ocupación, con carácter  urxente, dos terreos incluídos na relación de bens e dereitos afectados pola expropiación, de conformidade co previsto no citado artigo da Lei de estradas de Galicia.

Publicar e notificar este acordo ós interesados, de conformidade coa lexislación vixente.

APROBACIÓN DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA PROVINCIAL DE ASISTENCIA ECONÓMICA, TÉCNICA E XURÍDICA AOS CONCELLOS EN MATERIA DE SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS PARA O EXERCICIO 2015

Acordo:

Aprobar as bases reguladoras do Programa Provincial de Asistencia Técnica, Económica e Xurídica aos Concellos e Mancomunidades en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o exercicio 2015.

De conformidade co establecido no artigo 10 da Ordenanza xeral de subvencións desta Deputación, as bases reguladoras do programa inicialmente aprobadas someterase a información pública, mediante anuncio inserido no Boletín Oficial da Provincia, por prazo de dez días hábiles, durante os que as entidades locais interesadas poderán formular as alegacións e suxestións que consideren oportunas, as cales serán obxecto de resolución expresa polo Pleno. En caso de non formularse alegacións en prazo, entenderanse automaticamente aprobadas de xeito definitivo, procedéndose á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

O presente acordo queda condicionado á aprobación definitiva do Plan Estratéxico de Subvencións para o exercicio 2015, así como á entrada en vigor do orzamento para o exercicio 2015, adoptándose, en todo caso, ao abeiro e coas condicións establecidas no artigo 56 do RD 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.

CAMBIO DE DATA DA SESIÓN ORDINARIA DO MES DE DECEMBRO DE 2014

Acordo:

Fixar a data de celebración das comisións informativas e do Pleno ordinario do mes de decembro, do seguinte xeito:

. Comisións informativas: día 22 de decembro, luns, a partir das 17.00 horas.

. Pleno ordinario: día 29 de decembro, luns, ás 11.00 horas.

APROBACIÓN DA MOCIÓN PARA ESIXIR Á XUNTA QUE POÑA EN MARCHA O TRANSPORTE METROPOLITANO EN OURENSE

Acordo:

Esixir á Xunta que cumpra o compromiso de pór en marcha o transporte metropolitano en Ourense.

Instar ó Executivo galego a desbloquear as negociacións co Concello de Ourense, practicamente paralizadas dende marzo de 2014.