• Manuel Baltar recibiu unha carta da presidenta deste organismo, Jennifer Clement, na que agradece o compromiso do goberno provincial por tender “pontes literarias” coa organización do 82º Congreso do PEN Internacional
  • Clement destaca “a proxección internacional da cultura galega” e afirma que o cumio de Ourense contribuirá a fortalecer as redes literarias internacionais, o debate entre escritores e a defensa da liberdade de expresión

0 0 MB e Tosasr feb16

 

Jennifer Clement, a presidenta do PEN Internacional, o organismo máis importante do mundo no ámbito da literatura, dos dereitos humanos e da liberdade de expresión, ven de remitir unha carta de agradecemento ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, polo apoio do goberno provincial á organización do 82º Congreso do PEN Internacional, que se celebrará en Ourense entre o 26 de setembro e o 2 de outubro deste ano. Na comunicación, Jennifer Clement, agradece o compromiso da Deputación de Ourense por tender “pontes literarias” no mundo, e destaca “a proxección internacional da cultural galega”, ademais de afirmar que o cumio de Ourense contribuirá a fortalecer as redes literarias internacionais, o debate entre escritores e a defensa da liberdade de expresión.

Clement remarca que desde que se coñeceu que a provincia de Ourense ía ser a sede do congreso internacional “temos recibido numerosas felicitacións das federacións do PEN no mundo”, e engade que, neste encontro, Ourense será un espazo “para tender pontes literarias no mundo convulso de hoxe en día” e tamén para pontes “cara aqueles escritores que sofren persecución por defender a palabra libre”.

Afirma Jennifer Clement na súa carta a Manuel Baltar que o congreso “axudaranos a reforzar os nosos principios fundamentais mediante a discusión, o debate e a aprobación de resolucións, ademais de intercambiar ideas e experiencias, e celebrar a escrita en todas as súas formas”, subliñando que Galicia e Ourense “van abrir un espazo nos corazóns de todo o mundo”, sendo o PEN Galicia quen “dará testemuña diante da comunidade internacional de escritores da vitalidade actual da literatura galega”.

O 82º Congreso do PEN Internacional reunirá en Ourense a máis de 250 escritores de todo o mundo, poñendo a Ourense como “capital mundial da literatura”. O evento está organizado pola Deputación de Ourense e o PEN Galicia, e ten como lema “Erguendo pontes literarias”.

Manuel Baltar considera que esta é “unha das grandes novas do ano para Ourense pola repercusión internacional que a nosa provincia terá no ámbito literario”, e destaca que Ourense, “como provincia traballadora, emigrante e creativa que é, transmitirá ao mundo esa creatividade da man da Deputación, que apoiou a candidatura do PEN Galicia para sexa España a sede do congreso, e concretamente a provincia de Ourense”.