O Museo do Pobo Galego exhibe a obra fotográfica de Dionisio Tasende a través dunha exposición producida polo CGAI

image_gallery

 

 

O Museo do Pobo Galego abriu hoxe ao público a exposición ‘Dionisio Tasende. De homes… e mulleres’, producida polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) para a divulgación da obra deste fotógrafo coruñés a través da exhibición dun total de 81 das súas imaxes tomadas en Galicia entre 1955 e 1979.

Comisariada polo tamén fotógrafo José Caruncho, a mostra constitúe a primeira ampla retrospectiva realizada sobre o traballo de Tasende (A Coruña, 1918-2010), profesional moi considerado internacionalmente pola súa adscrición á FIAP (Fédération Internationale de L’Art Photographique), organismo especializado recoñecido pola Unesco. A exposición permanecerá aberta ata o vindeiro 5 de xullo e visita Compostela trala súa estrea en abril do pasado ano no Museo de Belas Artes da Coruña.

Con esta iniciativa, o CGAI, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, avanza no seu cometido de difusión das distintas manifestacións do noso patrimonio visual e dos traballos concretos dos seus creadores, neste caso a través da presentación inédita de moitas das instantáneas de Dionisio Tasende, todas elas en branco e negro e na súa meirande parte retratos e escenas da vida cotiá galega deses anos. Neste sentido, acompaña a mostra a publicación dun ilustrativo catálogo que reproduce as imaxes ao tempo que enxalza a figura e a obra do coruñés como un dos grandes fotógrafos do século XX.

Valor estético e documental
‘Dionisio Tasende. De homes… e mulleres’ inaugurouse esta tarde nun acto no que estiveron presentes membros da familia Tasende e que contou coa participación do presidente do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, do director do CGAI, Guillermo Escrigas, e do comisario da exposición, José Caruncho.

Na súa intervención, o director da Agadic expresou que a exposición “salda, en certa medida, a nosa débeda con este artista, distinguido por múltiples galardóns internacionais, admirado polos seus compañeiros de profesión, pero moi descoñecido aínda para a maioría dos galegos”. Sutil destacou o valor tanto estético como documental da obra de Tasende, así como a súa dedicación constante e a súa meticulosidade á hora de captar momentos representativos do día a día. Agradeceulle, ademais, á familia do fotógrafo a súa colaboración para facer posible a mostra.

Fotógrafo intuitivo e autodidacta
Dionisio Tasende descubriu a súa afección á fotografía aos 14 anos de forma intuitiva e autodidacta. As imaxes fotográficas foron marcando momentos decisivos da súa vida e a fotografía converteuse na súa gran paixón. Pertenceu á xeración que nos anos 50 formaron a Sociedad Fotográfica de A Coruña, da que foi membro fundador e na que conseguiu organizar salóns nacionais e internacionais co obxectivo de divulgar esta arte.

Dionisio Tasende camiñaba de forma infatigable coas súas cámaras ao ombreiro, buscando unha e outra vez as luces do amencer e os seus efectos de contraluz. Gran observador das persoas no seu ambiente e contorno natural, cultivou o retrato de escenas espontáneas, captadas no seu momento preciso con rapidez e anticipación, gran expresividade, riqueza de matices e sentido da composición. Unha vez no seu laboratorio, investigaba con distintas técnicas, revelando e positivando as súas fotografías de forma lenta e pracenteira, pero con tenacidade e emoción.