O Incio promove actividades formativas gratuítas

  • Dirixidas a traballadores ocupados, autónomos ou en situación de ERTE
  • O alcalde vén de asinar un convenio con Foro de Formación y Ediciones S.L. para publicitar os cursos gratuítos dispoñibles
  • Este mes de novembro hai 14 cursos a disposición das persoas interesadas

 

O alcalde do Concello do Incio, Héctor Corujo, vén de asinar un convenio de colaboración con Foro de Formación y Ediciones S.L. para a difusión de actividades formativas dirixidas a traballadores ocupados, autónomos ou en situación de ERTE.

O Goberno local subscribe este acordo co propósito de mellorar as competencias profesionais e a inserción laboral dos veciños e veciñas a través da realización de actividades formativas de carácter gratuíto enmarcadas no ámbito da formación profesional para o emprego.

O Concello do Incio comprométese a divulgar e publicitar as accións formativas pactadas co Centro de Formación entre os colectivos de traballadores que cumpran cos requisitos de matriculación. O Centro é o encargado de impartir as actividades, de carácter subvencionado, e de expedir os correspondentes diplomas.

Os cursos que se ofertarán este mes de novembro son os que seguen:

  • Deseño e mantemento de instalacións de enerxía solar (100 horas)
  • Desenvolvemento web para comercio electrónico (150 horas)
  • Introdución á apicultura tradicional e ecolóxica (40 horas)
  • Usuario profesional de produtos fitosanitarios nivel cualificado (60 horas)
  • Sistemas de calidade en industria alimentaria (70 horas)
  • Enerxías renovables, especialidade en biomasa (70 horas)
  • Envasado de produtos alimentarios (50 horas)
  • Xestión e organización da explotación agraria (55 horas)
  • Competencias dixitais básicas (60 horas)
  • Formación básica para limpezas xerais (40 horas)
  • Elaboración e conservación de alimentos (30 horas)
  • Extinción de incendios forestais (45 horas)

Título

Os alumnos recibirán un título homologado pola FUNDAE que acredita a superación do curso e o número de horas que realizaron. A acción formativa será supervisada polo  SEPE, o que avala a garantía e o rigor do ensino que cursarán os  alumnos e alumnas rexistrados.

Inscrición

As persoas interesadas en anotarse nos cursos deberán chamar ao Concello do Incio (982 42 70 14) en horario de 09:00 a 14:00 horas.