O IES O Couto de Ourense, premiado por partida doble no concurso escolar Consumópolis
O IES O Couto de Ourense, premiado por partida doble no concurso escolar Consumópolis.
Centros premiados
Na categoría de 5º e 6º curso de primaria clasificouse en primeiro lugar o colexio CPI Virxe do Monte de Cospeito (Lugo), mentres que en 2º e 3º lugar foron recoñecidos traballos de alumnos do CEIP Lourido de Poio (Pontevedra).
No tocante a 1º e 2º curso de ESO, o primeiro e o terceiro premio recaeron en alumnos do IES O Couto de Ourense, centro educativo que na anterior edición de Consumópolis se fixo cun dos premios a nivel nacional. En segundo lugar clasificouse un equipo de estudantes do CPI Pecalama de Tordoia (A Coruña).
O IES A Pinguela de Monforte de Lemos (Lugo) foi o primeiro clasificado na categoría para 3º e 4º de ESO. O segundo premio recaeu de novo en alumnos de IES O Couto, mentres que o terceiro foi para un equipo do colexio Sagrado Corazón de Jesús de Ribadeo (Lugo).
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, entregaron onte os premios da fase autonómica do certame escolar de consumo responsable Consumópolis, en cuxa décima edición participaron máis de 1.000 estudantes de primaria e secundaria de toda Galicia.
Este ano o concurso celebrouse baixo o lema O teu consumo ten historia: 10 anos de Consumópolis e 30 anos de consumo, conmemorando os 10 anos que ten xa o certame e as tres décadas da primeira Lei estatal para a defensa dos consumidores e usuarios. Así, despois dunha primeira fase de xogo en liña, os estudantes participantes elaboraron un traballo en grupos de cinco coordinados por un docente, consistente nun cartel que compara formas de consumo do pasado e do presente.
Tal e como sinalou Francisco Conde, os traballos premiados son “unha mostra de talento e creatividade, e dos bos resultados que pode dar o traballo en equipo”, apuntando que iniciativas como Consumópolis permiten avanzar de forma efectiva na protección dos consumidores e usuarios. Neste sentido, sinalou que a educación para o consumo é imprescindible para que “coñezamos os nosos dereitos como consumidores e para que os exerzamos de forma responsable”. Conde destacou a importante labor que desenvolve o Instituto Galego de Consumo, a través da Escola Galega de Consumo, que ofreceu o ano pasado de xeito directo formación a preto de 10.000 persoas, un 10% máis que o ano anterior.