O I Congreso Nacional de Formación Regrada en Seguridade Privada será no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» de Ourense

  • O evento, co-organizado pola Deputación de Ourense, celebrarase do 9 ao 11 de marzo, sendo o primeiro evento destas características que ten lugar en España
Presentación I Congreso Seguridade Privada

Presentación I Congreso Seguridade Privada

 

O Centro Cultural «Marcos Valcárcel» acollerá o I Congreso Nacional de Formación Regrada en Seguridade Privada do 9 ao 11 de marzo. Trátase do primeiro congreso destas características que ten lugar en España. A presentación deste evento tivo lugar esta mañá onde estivo presente o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; e o director do congreso, Miguel Gawenda.

O congreso está co-organizado pola Asociación Nacional de Profesores Acreditados de Seguridade Privada (ANPASP) e a Deputación de Ourense, «un dos nosos compromisos é posicionar a Ourense como cidade e provincia de Congresos», asegurou durante a presentación Jorge Pumar. Mostra deste compromiso da Deputación de Ourense «foi no pasado mes de febreiro o ente provincial foi co-organizador do Encontro de Economía Pública celebrado na Universidade de Vigo no que participaron 150 economistas españois e internacionais. E, en setembro, a Deputación tamén colaborará co Congreso Mundial do Pen Club, no cal participarán 250 escritores de todo o mundo, que posicionará a Ourense como capital mundial da literatura».

Este congreso pioneiro «reunirá a máis de 120 participantes de distintos puntos da xeografía española como Valencia, Madrid, Bilbao, Barcelona, e incluso de Londres, convertendo a Ourense durante eses días como referente nacional da Seguridade Privada», sinalou o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense.

Baixo o lema «Cultura de Seguridade, Formación e Información. Un proxecto Compartido», funcionará como «lugar de encontro para os actores do sector e da administración para apoiar o modelo de formación regrada en seguridade», segundo explicou Miguel Gawenda. O director do congreso agradeceu «o apoio institucional e financeiro e a acollida á iniciativa que tivo tanto a Deputación como o Concello de Ourense no momento da proposta».

A Lei 5/2014, do 5 de abril, de Seguridade Privada, no seu artigo 29 establece as posibles vías de acceso á profesión a través da formación contemplando por primeira vez unha Formación Profesional e un Grao Universitario entre outras vías, para o cal deberá existir consenso de todos os actores. «O que pretendemos con este congreso é agrupar aos principais actores da Seguridade Pública e Privada para que este congreso sexa a folla de ruta e o primeiro paso do que debera ser o libro branco da formación regrada no ámbito da Seguridade Privada», asegurou Miguel Gawenda.

O congreso que conta coa colaboración do Concello de Ourense e da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) contará cun total de 9 talleres prácticos e 60 ponentes que formarán 10 mesas redondas. Nel estarán presentes representantes de centros universitarios, membros dos corpos e forzas do Estado, directores de centros de formación, presidentes de asociacións, entre outros.

Pola súa banda, Jesús Vázquez asegurou que este congreso «buscará afondar nas ideas, opinións, propostas, dignificación e tamén profesionalización do sector da seguridade privada». Asemade o alcalde de Ourense destacou «trátase dun sector que ten un gran futuro por diante nesta meta ten un marcado protagonismo a asociación ANPASP fundada en febreiro de 2013 co obxectivo de contribuír ás reformas e melloras necesarias na formación do sector da Seguridade Privada así como promocionar e mellorar a imaxe do sector da seguridade privada a través da maior e mellor cualificación posible dos seus profesionais, un sector que no noso país da emprego a máis de 200.000 traballadores».

Para máis información acerca deste congreso pódese consultar o seu portal web www.congresoformacionseguridadprivada.es.

También te podría gustar...