O Goberno de España destina 1,5 M€ aos Camiños de Santiago en 2016 para intervir no patrimonio cultural e monumental das rutas xacobeas

el_camino1

 

O Goberno de España vén de anunciar a emenda dos Presupostos Xerais do Estado a través da que dotará para o exercicio 2016 a cantidade de 1,5 millóns de euros como apoio e reforzo ao Plan Director Estratéxico do Camiño de Santiago en Galicia 2015-2021. Esta decisión ten a súa orixe na petición expresa que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou este verán ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, nun encontro de traballo na comunidade galega, para que os orzamentos estatais recolleran unha partida en aras de acadar unha mellor restauración e acondicionamento medioambiental dos Camiños de Santiago.

Esta emenda, presentada hoxe no Congreso dos Deputados, responde á importancia do Camiño de Santiago no ámbito cultural, económico e relixioso. Un itinerario que conta xa con doce séculos de historia e que no vindeiro Ano Xacobeo 2021 poderá recibir máis de 460.000 peregrinos grazas aos esforzos na súa conservación, difusión e promoción.

A capitalidade da ruta xacobea foi certificada o pasado 5 de xullo no marco da 39ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial celebrada en Bonn (Alemaña) coa inclusión dos Camiños do Norte na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Dúas das catro rutas que acadaron este recoñecemento transitan por Galicia como son o Camiño da Costa e o Camiño Primitivo, ademais do Camiño Lebaniego (Cantabria) e o vasco-rioxano. Deste xeito, os dous itinerarios galegos súmanse a declaración do Camiño Francés, recoñecido en 1993.

Rehabilitación integral dos Camiños e mellora da seguridade viaria
Con esta emenda financiarase a recuperación do patrimonio que comprende a área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago para actuar tanto nas infraestruturas que se atopan en torno ao Camiño como na intervención de interese cultural no propio Camiño. Esta partida súmase ás xa contempladas no proxecto de Lei para as provincias da Coruña e Lugo, así como á dotación xa prevista de 2 millóns de euros para o establecemento de pasos peonís e elementos para garantir a seguridade viaria nestas dúas provincias.

Ademais, a modificación orzamentaria comprende o establecemento dun programa de intervención priorizado sobre monumentos declarados Patrimonio da Humanidade como son a Catedral de Mondoñedo, o Mosteiro de Sobrado dos Monxes e a Catedral de Lugo, xunto aos 32 bens de interese cultural (BIC) que se atopan nas tres rutas do Camiño declaradas Patrimonio da Humanidade. Así, no Camiño Francés actuarase sobre 7 elementos declarados BIC, 11 no Camiño Primitivo e 14 no Camiño do Norte, sen esquecer outros elementos significativos das rutas xacobeas.

Plan Director Estratéxico do Camiño de Santiago
O Plan global director dos Camiños de Santiago foi presentado polo presidente da Xunta no Consello do pasado 26 de xuño como “unha folla de ruta para revitalizar, promocionar e promover os camiños de cara ao próximo Xacobeo 2021”.

Daquela, o titular do Goberno Autonómico anunciaba o inicio dos trámites para poder contar con dous instrumentos de xestión: un Plan director, que analizará e diagnosticará as necesidades para seguir poñendo en valor os camiños; e, posteriormente, un Plan estratéxico que fixará as distintas propostas de actuación que se levarán a cabo.

Entre as principais razóns para levar a cabo esta iniciativa destaca a motivación de sacar o máximo proveito ao potencial do Camiño, e o obxectivo de reducir as debilidades que se teñen detectado para poder facelo.

A Xunta de Galicia é consciente da grande fortaleza do Camiño, cun espectacular crecemento do número de peregrinos e de países representados nos últimos anos (150 países e, no que vai de ano recolleron a Compostela máis de 180.000 peregrinos), polo que os datos obrigan a redefinir as estratexias e políticas que se desenvolven ao seu redor.