O filme ‘A Esmorga’ preestréase en Madrid e Barcelona na súa versión orixinal galega

image_gallery (2)

 

O filme ‘A Esmorga’, da produtora galega Vía Láctea Films, preestrearase este xoves 30 de abril en Madrid e o vindeiro martes 5 de maio en Barcelona na súa versión orixinal en galego, con subtítulos en castelán, como adianto do percorrido que a película iniciará a partir do 8 de maio por diferentes salas comerciais do circuíto de distribución español.

O director da fita, Ignacio Vilar, e dous dos seus protagonistas, Antonio Durán “Morris” e Karra Elejalde, acudirán a ambas as sesións especiais nos madrileños Cines Renoir-Princesa (22.00 h) e nos Cinemes Girona de Barcelona (21.00 h), tras as que participarán en cadanseu coloquio co público asistente. A chegada de ‘A Esmorga’ acompáñase dunha ampla campaña promocional, cunha destacada presenza publicitaria nas principais vías das dúas cidades.

Éxito en Galicia
Xa a partir do venres 8, a adaptación cinematográfica da novela de Eduardo Blanco Amor iniciará a súa distribución a nivel estatal en diferentes cinemas de Cataluña, Euskadi e Madrid, aos que chegará tanto na súa versión dobrada como na orixinal subtitulada. Comezará así a súa viaxe fóra de Galicia, onde xa superou os 40.000 espectadores e chegou ás 15 semanas en carteleira. Converteuse, así mesmo, na mellor estrea de todo o ano en España entre as producións con menos de 100 copias en circulación.

‘A Esmorga’ foi tamén o primeiro filme rodado en galego que conseguiu situarse entre os finalistas aos Premios Goya, aos que optou na categoría de mellor guión adaptado polo traballo asinado conxuntamente por Ignacio Vilar e Carlos Asorey. Ademais, na pasada edición dos Mestre Mateo do audiovisual galego obtivo seis galardóns: mellor actor protagonista para Antonio Durán “Morris”, maquillaxe e perruquería para Susana Veira, música orixinal para Zeltia Montes, vestiario para Mar Fraga, dirección de fotografía para Diego Romero Suárez Llanos e dirección de arte para Ángel Amaro.

Antonio Durán “Morris”, Karra Elejalde e Miguel de Lira dan vida na pantalla aos tres personaxes da emblemática novela de Blanco Amor, publicada en 1959 e considerada como unha das obras máis representativas da historia da literatura galega. Trátase dunha crónica tensa e intensa sobre as vinte e catro horas de esmorga que Cibrán ‘o Castizo’, Milhomes e o Bocas comparten na localidade de Auria, transposición literaria de Ourense, deixando tras de si un regueiro de destrución.