O ditame sobre o futuro da acuicultura europea liderado por Galicia foi aprobado

O Comité das Rexións aproba o ditame sobre o futuro da acuicultura europea liderado por Galicia.

  • O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foi nomeado vicepresidente do Comité das Rexións
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu á 114º sesión plenaria desta asemblea consultiva da UE onde tamén interviñeron catro comisarios
  • Este pleno coincide coa celebración dos Open Days 2015, onde a comunidade galega conta cunha activa participación e a Eurocidade Chaves-Verín foi recoñecida nos premios RegioStars

5431224wO director xeral de Relacións exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participa no 114º pleno do Comité das Rexións (CdR) na capital comunitaria onde onte se aprobou por unanimidade o ditame sobre o futuro da acuicultura europea do que é relator. Esta sesión plenaria coincide ademais coa celebración da Semana Europea das Rexións e as Cidades – Open Days 2015, que conta coa participación galega en dous seminarios sobre desafíos demográficos e integración rural e urbana.

O obxectivo do Comité das Rexións coa elaboración deste ditame sobre o futuro da acuicultura que liderou Galicia é identificar os obstáculos que dificultan o bo desenvolvemento deste sector e recomendar así posibles solucións. Precisamente por iso, Jesús Gamallo contou co asesoramento do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Juan Maneiro, que o acompañou a Bruxelas en calidade de experto.

O sector acuícola ten para a UE un gran potencial, xa que conta con máis de 14.000 empresas e ten creado máis de 80.000 postos de traballo. Os entes rexionais e locais, nos que recaen normalmente as competencias para regular a actividade acuícola, son os que están mellor capacitados para impulsar este sector. Aproveitar o perfil innovador das empresas, a capacidade de absorción dos seus produtos que ten o mercado europeo e a súa capacidade de crear emprego son algunhas das vías clave para fomentar o desenvolvemento da acuicultura.

Gamallo recordou que ademais hai que aproveitar as oportunidades que ofrece o Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP) 14-20, que por primeira vez sitúa á acuicultura no mesmo plano que as outras actividades pesqueiras. Do mesmo xeito, salientou a importancia da Lei de Acuicultura na que traballa a Xunta de Galicia que é pioneira na UE e que recollerá moitas das propostas deste ditame.

Entre as medidas que propón o ditame para favorecer o bo desenvolvemento deste sector destaca a simplificación dos procedementos administrativos e a seguridade xurídica para os inversores no acceso ao espazo, a necesidade de apostar pola innovación para explotar o seu potencial ou a promoción dos mercados locais. Gamallo resaltou que o crecemento da acuicultura suporía un gran beneficio para zonas rurais e estruturalmente débiles, ademais de xerar emprego cualificado.

O director xeral de Relacións exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, no pleno do Comité das Rexións (CdR). Acompáñao o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Juan Maneiro

O director xeral de Relacións exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, no pleno do Comité das Rexións (CdR). Acompáñao o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Juan Maneiro

Ademais do ditame liderado por Galicia, neste encontro os representantes rexionais e locais adoptaron outros 13 ditames sobre a simplificación da Política Agrícola Común (PAC), o programa da Comisión Europea para lexislar mellor ou a Unión da Enerxía, entre outros.

Esta tarde, a Alta Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Federica Mogherini, o comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan, e o comisario de Economía Dixital e Sociedade, Günther Oettinger, debateron cos membros do CdR sobre temas relacionados coas súas carteiras. Na mesma liña, o comisario de Acción polo Clima e Enerxía, Miguel Arias Cañete, intervirá na sesión plenaria que continúa mañá para debater cos membros do CdR sobre cambio climático e a Unión da Enerxía.

Galicia ostenta unha das vicepresidencias do CdR
Tras renovarse o mandato do CdR o pasado mes de febreiro e tendo en conta as eleccións autonómicas celebradas en maio en España, os postos dentro da Mesa do CdR, o órgano executivo desta asemblea consultiva, que corresponden á delegación española aínda estaban por confirmar. Deste xeito, esta mañá nombrouse ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo como vicepresidente do Comité das Rexións, a Susana Díaz, presidenta da Junta de Andalucía, como vocal deste órgano e a Emiliano García Page, presidente da Junta de Comunidades de Castela-A Mancha, como presidente da delegación española do Comité das Rexións.

Participación galega en Open Days 2015
Nesta decimoterceira edición da Semana Europea das Rexións e Cidades, a Fundación Galicia Europa coordinou a participación de Galicia en dous seminarios. Por un lado, a comunidade galega organiza xunto a outras 11 rexións europeas un seminario sobre o cambio demográfico onde mañá se explicará a experiencia galega cos chamados “fogares intelixentes” cuxo obxectivo é ofrecer unha maior atención aos maiores mediante o uso da tecnoloxía. Por outra banda, a Deputación da Coruña participa noutro seminario sobre integración rural e urbana onde se presentará o proxecto Partner – TIC 2 que pretende fomentar o emprego nas áreas rurais a través das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).

Tamén ao abeiro dos Open Days, os alcaldes de Chaves e Verín acudiron a Bruxelas para asistir esta tarde á cerimonia de entrega dos premios RegioStars. A Eurocidade Chaves-Verín foi premiada na categoría “Cidades” deste concurso organizado pola dirección xeral de Política Rexional da Comisión Europea (DG REGIO) que recoñece os mellores proxectos financiados con fondos estruturais.

O Comité das Rexións
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Este é o quinto dos seis plenos que o CdR prevé celebrar durante 2015 para debater as prioridades políticas e emitir ditames sobre as políticas comunitarias.

También te podría gustar...