presentacion.curso.veran.medios.audivisuais.en.celanova.01

 

Na Deputación de Ourense tivo lugar hoxe a presentación da edición de 2015 do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), enmarcado nos cursos de extensión universitaria do Campus de Ourense, que terá lugar entre os días 7 e 10 de xullo en Celanova. A vila de San Rosendo convértese así un ano máis no referente audiovisual de Galicia no verán cun curso no que se pretende “abrir fronteiras dende a diversidade a novos formatos e soportes”, como comentou o director do mesmo, Miguel Anxo Fernández.

O acto de presentación contou coa participación de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; José Luis Ferro, alcalde de Celanova; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense; Jacobo Sutil, director do Agadic; Miguel Anxo Fernández, director do CeMAC; Paulino Pérez, director do taller audiovisual, e Xabier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares.

A novidade deste ano son tres Master class sobre montaxe, composición musical e fotografía en cine, que estarán impartidas por Guillermo Represa, Sergio Moure e Suso Bello, ademais da webserie que se estreará o venres 10 de xullo, unha produción que se gravou en Celanova, como ven sendo habitual, e que este ano baséase no libro de relatos Vento ferido, escrito por Carlos Casares en 1967, “refrexando a atmósfera dura dun pobo do interior de Galicia”, segundo explicou Paulino Pérez. Nesta webserie participan alumnos da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.

O curso está organizado pola Fundación “Carlos Casares” e conta co financiamento da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo e o Concello de Celanova. Directores, actores, produtores, guionistas e representantes institucionais abordarán durante catro días no Auditorio Municipal “Ilduara” a situación actual do sector audiovisual na nosa comunidade. Rosendo Fernández dixo na presentación que Celanova “sempre destaca pola súa cultura e tradición, e nestes días convértese no centro do audiovisual galego con esta plataforma innovadora que é o CeMAC”. Pola súa banda, José Luis Ferro subliñou que Celanova é “un lugar para crear e un fogar para vivir, e con este curso de verán sácase á universidade á rúa para dinamizar a nosa vila”.

Tamén se referiu á importancia do curso Virxilio Rodríguez afirmando que esta acción formativa “cumpre catro funcións importantes como son a de lembrar a figura de Carlos Casares, interrelacionar Campus como o de Ourense e o de Pontevedra, achegar a formación universitaria á cidadanía e transferir coñecemento por medio do taller audiovisual”.

Os obxectivos do curso son: dar oportunidade aos creadores para presentar e debater co público ao redor da súa obra, e contribuír á visibilidade do cine propio. O curso reforza o seu valor co engadido de estar dirixido con preferencia á comunidade universitaria con afán formativo e divulgativo, pero, ao tempo, ao cidadán interesando por coñecer o estado actual do audiovisual producido ou coproducido dende Galicia.

Proxeccións, mesas de debate, relatorios e talleres conforman o programa do curso no que todos os colectivos implicados no audiovisual de Galicia terán voz para achegar as súas propostas, como así acontece dende 2004 –data da primeira edición do curso-, once anos nos que máis de 100 profesionais participaron en Celanova neste evento formativo.