• A exposición de Manuel Quintana Martelo chega por primeira vez a Ourense
  • A mostra do artista será inaugurada hoxe, ás 20.15 horas, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”
Presentación da exposición e do catálogo de Manuel Quintana Martelo

Presentación da exposición e do catálogo de Manuel Quintana Martelo

 

A mostra do artista Manuel Quintana Martelo chega por primeira vez a Ourense, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” con obras recentes do pintor e presidente da Real Academia Galega de Belas Artes. O acto de presentación da exposición e do catálogo tivo lugar esta mañá onde estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, Francisco González Bouzán; o artista, Manuel Quintana Martelo; e o comisario da mostra, Miguel Fernández-Cid.

Rosendo Fernández destacou a importancia que ten para o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, “un lugar de encontro para artistas e para a cultura, estar cuberto pola exposición deste recoñecido e prestixioso artista internacional”, e engadiu, “un artista de auténtica intensidade que observa os procesos ata dominalos buscando ver en directo as imaxes que o seducen”.

A mostra do artista, presente en dúas salas do Centro Cultural, recolle unha exposición de obra recente do pintor, tal e como dixo Miguel Fernández-Cid, “aproveitouse as dúas plantas do edificio para marcar unha diferenza: na planta baixa reúnense cadros dos últimos anos nos cales os obxectos, Quintana, lévaos a primeiro plano e tamén aparece nesta sala o salto á escultura nesa busca das caras do obxecto que a pintura non lle deixaba representar. E, na segunda planta, móstrase o traballo máis recente, dos últimos tres anos, de Quintana Martelo, unha especie de bodegóns urbanos”. O artista toma fotografías de contedores de lixo á hora nas que a luz do sol incide de maneira directa sobre eles e despois, realiza unha serie de bosquexos que é o que nesa sala se mostra, dende os bosquexos, debuxos e acuarelas ata os cadros de distintas escalas.

O comisario da mostra asegurou que nos cadros de Manuel Quintana Martelo “sempre hai como unha especie de relato do proceso que lle levou a pintalo, algo que se ve moi ben nas obras expostas na sala superior”.

Manuel Quintana Martelo explicou o motivo dos seus cadros aludindo á necesidade “de non pintar obxectos senón que o obxecto mesmo fose a propia pintura” e nas obras da parte superior, os bodegóns, “non me plantexo pintar lixo ou desfeitos, senón que me entra na retina a súa forza plástica. Dalgún xeito son reflexos de antropoloxía recente actual. Por outra banda, os contedores que eu me fixo neles cando para min teñen unha chamada ao sentido plástico do contedor, eu vexo beleza neles”.

Francisco González asegurou que “por primeira vez, Manuel Quintana Martelo, ten unha exposición individual en Ourense, unha cidade cunha traxectoria artística importante, polo que nin Manuel merecía estar ausente da lista de artistas que pasaron por Ourense nin o Centro Cultural se merecía non ter a Manuel Quintana na lista dos artistas que por aquí pasaron”. Asemade, agradeceu á Xunta de Galicia porque “a súa colaboración foi destinada integramente para poder dispoñer deste catálogo que ao final é o que perdura”.

A inauguración da mostra terá lugar esta tarde, ás 20.15 horas, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.