O 112 Galicia convértese no segundo organismo de Europa que recibe o certificado de calidade da asociación europea de números de emerxencia

image_gallery

 

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia recibiu hoxe o “Certificate of Quality Standard” que entrega a Asociación Europea de Números de Emerxencia (EENA) e que converte ao centro galego no segundo organismo europeo que recibe esta certificación de calidade. O acto de entrega tivo lugar na cidade de Bucarest, en Romanía, durante a inauguración do Congreso Anual de EENA.

O encargado de recoller o certificado foi o secretario xeral da Axencia Galega de Emerxencias, José Ángel Someso, que a recibiu de mans do Presidente do Consello Asesor da Asociación, Demetrios Pyrros. O acto estivo presidido polo secretario de Estado e responsable do Departamento de Emerxencias do Ministerio de Asuntos Internos de Romanía, Raed Arafat, e pola vice-presidenta do Parlamento Europeo, Adina-Ioana Valean.

A Asociación Europea de Números de Emerxencia organiza este evento en diferentes cidades europeas e cada ano reúne as autoridades públicas, servizos de emerxencias, empresas relacionadas coas emerxencias, organizacións, investigadores e operadoras das telecomunicacións de toda Europa e doutros continentes.

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia acadou o certificado de calidade, unha vez avaliados os informes presentados pola Axega e superados todos os trámites da auditoría levada a cabo por dous representantes da asociación europea durante os días 4 e 5 do mes pasado. Naquela ocasión, os auditores tamén visitaron o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, CIAE 112 Galicia, que abrirá as súas portas na Estrada.

image_gallery (1)

 

Mellorar a xestión das emerxencias en toda Europa

A certificación de calidade para centros de atención ás emerxencias de Europa que outorga EENA ten unha vixencia de tres anos e o obxectivo fundamental de mellorar a prestación global do servizo de xestión de chamadas de emerxencia en toda a UE, ademais de medir a calidade do servizo de cara ao cidadán.

Con este programa, EENA pretende establecer un punto de referencia pan-europeo para a prestación de servizos de xestión de chamadas de emerxencia para todos os centros. O proceso seguido para conseguir ese recoñecemento parte dunha auditoría especializada e realizada por expertos en xestión de centros de emerxencias independentes e unha avaliación dos centros de atención en función de criterios de calidade e cantidade.

Neste senso, para obter a certificación o centro debe ter un manual de calidade enfocado a unha misión e política de calidade, ademais de procedementos para localización das chamadas, protocolos para os sistemas de gravación, seguridade das súas redes de comunicación, verificación de datos con análise dos indicadores de rendemento, atención duplicada en varios idiomas, atención enfocada aos discapacitados e protocolos para a rechamada e xestión das bases de datos. Así mesmo, a auditoría tamén avalía a arquitectura técnica do edificio, as súas redes, servizos e o plan de continuidade e de recuperación en caso dunha emerxencia nas propias instalacións.

A Axencia Galega de Emerxencias tamén está traballando na “Certificación UNE-ISO 22320:2013 Protección e seguridade dos cidadáns. Xestión de emerxencias. Requisitos para a resposta a incidentes”, específica e dirixida a centros 112 en España. Esta certificación, xunto ao “Certificado UNE-EN ISO 9001:2008, Sistema de Xestión de Calidade” e a “Carta de Servizos do CAE 112 Galicia”, xa en poder do 112 galego, son un fiel reflexo da aposta decidida na procura e consecución duns servizos de calidade para os cidadáns; ao tempo que sitúan o CAE 112 Galicia como centro de referencia dentro de España e Europa en materia de xestión das emerxencias.

Asociación Europea de Números de Emerxencia

A Asociación Europea de Números de Emerxencia é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 1999, con sede en Bruxelas e encargada de velar polos intereses dos 112 de toda Europa. A súa premisa fundamental é a de servir de plataforma neutral de debate entre os servizos de emerxencias, industria e cidadáns, co obxectivo de conseguir unha eficiencia e unhas telecomunicacións harmonizadas e axustadas ás necesidades dos usuarios.