Novo estudo sobre a Ribeira Sacra

  • Destaca a singularidade da súa paisaxe e patrimonio
  • A Deputación de Ourense colabora con este traballo de investigación, conxuntamente coas universidades de Vigo e Santiago, “para pór en valor a xeoloxía, os solos naturais, os viñedos e a cultura deste enclave único que impulsamos como Patrimonio Mundial”, afirma Manuel Baltar

 

A Deputación de Ourense continúa co seu proxecto estratéxico de acadar para a Ribeira Sacra a distinción de Patrimonio Mundial da Unesco, unha iniciativa impulsada polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, que conta cun novo pulo: a publicación dun estudo que analiza, da man de técnicos e de profesores das universidades de Vigo e Santiago, as singularidades da paisaxe e o patrimonio deste enclave xeográfico que comparten as provincias de Ourense e Lugo. 

Publicación

A publicación, coordinada por Manuel Arias Estévez, conta con especialistas como os profesores Pedro Araújo e María Teresa Barral, entre outros, e ten como obxectivo “pór en valor a xeoloxía, os solos naturais, os viñedos e a cultura deste enclave único que impulsamos como Patrimonio Mundial”, afirma Manuel Baltar, sinalando que a Deputación de Ourense “contribúe a divulgar este importante traballo que abrangue estudos de edafoloxía, viñedos, cuberta vexetal, paisaxe, clima, cultura, xeoloxía e xeomorfoloxía, que veñen a ratificar a relevancia deste lugar, cuxa andaina para ser Patrimonio Mundial comezou a instancias da Deputación de Ourense e atópase no seu tramo final”. 

Neste sentido, Baltar considera que calquera estudo “que contribúa a divulgar as bondades da Ribeira Sacra e que defina a súa situación e a entidade deste territorio, contará co apoio da Deputación de Ourense”, e destaca que no seu momento “contribuímos tamén a que se desenvolvera esta serie de reunións científicas que conclúen nesta publicación”, pola cal, o presidente do goberno provincial felicitou ao seu coordinador, Manuel Arias Estévez, e tamén ao profesor do Campus de Ourense Pedro Araújo, “porque esta é unha publicación chea de compromiso, vocación de estudo e profesionalidade”, conclúe Baltar. 

Municipios

A Ribeira Sacra está formada por 21 municipios de Lugo e Ourense e as canles dos ríos Miño, Sil, Bubal, Lor e múltiples afluentes con cuncas que suman máis de 100 quilómetros, sinala a introdución da obra, que complementa a todas as demais publicadas anteriormente sobre esta zona, centradas na paisaxe e no patrimonio. Consta de cinco capítulos e os resultados

mostran, como adoita suceder na natureza e na vida das persoas, que o esencial é o invisible para os nosos ollos, de aí a necesidade de ampliar o coñecemento e protexer este recurso oculto, o solo, e implantar as medidas adecuadas para paliar os impactos negativos sobre os elementos principais que constitúen a base da riqueza da Ribeira Sacra, afirma na introdución da obra Montserrat Díaz, coordinadora das xornadas “Ribeira: conservación do solo e construción da paisaxe.