Méndez Ferrín e Bernardo Atxaga, nos XXIV Encontros literarios do Liceo

José Luis Troitiña, Manuel Baltar, Javier Casares e José María Faílde

Os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) e Bernardo Atxaga (Guipúzkoa, 1951) serán os protagonistas da XXIV edición dos Encontros literarios do Liceo de Ourense, unha das citas máis importantes do ano no ámbito da literatura na capital ourensán e que este ano acada a súa 24ª edición. No acto de presentación, que tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou que os Encontros literarios son unha iniciativa “que dignifica e dálle valor de seu ao noso, creando a cultura da cooperación cun referente literario como é o Liceo de Ourense”.

Baltar subliñou que os Encontros literarios naceron en 1990 da man de Carlos Casares “e permiten achegar á capital ourensá a grandes nomes da literatura pero tamén lembrar a figura de dous grandes intelectuais que fixeron posible o éxito deste evento: dunha banda Carlos Casares, creador dos “Encontros literarios”, e Marcos Valcárcel, continuador deste labor que espalla a cultura galega contemporánea e atrae a Galicia as achegas dos creadores que en castelán e noutras linguas fan da literatura o seu xeito de entender a vida”.

“Sempre volvín a Feixoo e el acompañarame mentres vivir”, dixo Manuel Baltar lembrando as palabras de Méndez Ferrín nas que o escritor ourensán se refire ao Padre Feijoo nos 250 anos do seu pasamento, tema que abordará na conferencia que ofrecerá o día 6 de novembro, ás 20.30 horas, no Liceo, titulada “O Padre Feixoo desde Ourense”. Previamente, o día 4, o escritor vasco Bernardo Atxaga afondará na súa conferencia na súa traxectoria literaria.

O presidente do Liceo, Javier Casares, destacou na presentación dos Encontros o papel que xoga o Liceo de Ourense como dinamizador da cultura na capital ourensá “onde dende 1850 leva desenvolvendo actividades literarias para espallar o noso, e proba diso é que no primeiro semestre deste ano realizamos un total de 199 actos culturais”, dato que complementou o xerente do Liceo, José Luis Troitiña, explicando que estes días “a institución cultural acadará o récord de actos nun só mes ao programar 46 actividades en novembro”. O acto de presentación de hoxe contou tamén coa presenza de José María Faílde, director de Planificación do Campus de Ourense.