Medio Ambiente publica a orde de axudas destinadas á conservación das poboacións de caza menor cun orzamento de 100.000 euros

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as titulares de terreos cinexéticos ordenados, destinadas á conservación das poboacións de caza menor, e se convocan para o ano 2015. Esta liña de actuación conta cun orzamento de case 100.000 euros da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Tal e como se recolle no texto publicado hoxe, poderán ser beneficiarios destas axudas as corporacións locais e institucións sen ánimo de lucro que sexan titulares de terreos cinexéticos ordenados, así como as súas agrupacións, sempre e cando realicen unha solicitude conxunta.

O obxecto desta liña de incentivos é subvencionar actuacións dirixidas á recuperación das poboacións de perdiz rubia (Alectoris rufa) e do coello de monte (Oryctolagus cuniculus), que son as dúas especies de caza menor tradicionais en Galicia.

As actuacións que poden ser obxecto de axuda son:
– A roza e trituración mecánica da matogueira, a emenda e/ou fertilización, sementeira de cereal e/ou leguminosa, e a limpeza e adecuación de fontes e mananciais.
– A construción das instalacións necesarias para a cría do coello de monte en semiliberdade.
– A construción de tobeiras artificiais por aquelas beneficiarias que teñan realizadas as instalacións anteriormente mencionadas.

Os interesados en acollerse a esta liña de incentivos dispoñen dun prazo dun mes, a contabilizar dende mañá, para remitir as solicitudes. As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán cofinanciadas ao 50%, polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

También te podría gustar...