1 1 1 2015 MB e EDAR Xinzo

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto con delegado de Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín; a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez; o alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, visitou onte as obras da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Xinzo de Limia, na que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), está a executar as obras de mellora da capacidade de eliminación de nutrientes, cun investimento de 1.127.585 euros, financiados nun 80% polo Ministerio e o 20% restante pola Xunta de Galicia.

Esta actuación está incluída no programa operativo de financiamento con cargo aos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e que contan coa participación e apoio cidadán das poboacións implicadas, co obxectivo de levar a cabo actuacións para a mellora medioambiental do ámbito dos ríos, en concreto a conca do río Limia, augas arriba do encoro das Conchas.

O obxectivo destas actuacións é mellorar a estación depuradora actual, deseñada nos anos 90, para posibilitar a eliminación de nutrientes (fósforo e nitróxeno), todo iso co obxectivo de incrementar a calidade das augas do río Limia.

Coa nova instalación, situada nunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), consumaranse os parámetros de vertedura adaptados a esta e minimizarase o consumo de reactivos, priorizando a eliminación de nutrientes, sobre todo o fósforo, por vía biolóxica.

Por outra parte, a nova EDAR adaptarase tecnoloxicamente, introducindo os avances que proporcionarán unha considerable diminución do custo enerxético mediante a instalación de sensores, de elementos de automatización e xestión e de variadores de frecuencia en motores.

Ademais, optimizarase a xestión da explotación mediante monitorización en continuo dos parámetros principais (amonio, fósforo e demanda química de osíxeno) e procederase á eliminación adicional de fósforo por vía biolóxica mediante cámara anaerobia previa aproveitando a obra civil do decantador orixinal.

Por último, aproveitarase no posible a obra civil existente, manténdose como oficina e edificio de control e adecuándoo á normativa actual. Isto complementarase coa construción dun novo edificio de proceso que albergue parte do tratamento biolóxico, os cadros eléctricos e o novo grupo electróxeno de emerxencia, que garanta o funcionamento da nova instalación en caso de corte de enerxía de rede.