Foro Termalismo

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o Foro “Presente e futuro do termalismo de Ourense”, un evento no que se analizan as perspectivas socioeconómicas e de turismo de ocio e saúde que ofrece o ámbito termal da provincia de Ourense. Para elo, o foro conta coas achegas de destacados expertos como son o profesor José Carro, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, e Julián Tejerizo, xefe da Área de Termalismo do Imserso, e coa participación de representantes dos ámbitos institucional, académico e empresarial da provincia de Ourense e do norte de Portugal.

Este evento forma parte de tres foros: Demografía, Termalismo e Emprendedores, organizados polo xornal La Región coa colaboración da Deputación de Ourense que supoñen “unha análise sobre temáticas que inciden en aspectos fundamentais polos que temos que traballar na nosa provincia como son: territorio, poboación e identidade”, dixo Manuel Baltar, quen anunciou, referíndose ao termalismo, que nas vindeiras semanas, antes de que remate o mes de novembro, asinará co presidente da Xunta de Galicia o convenio para a execución do Plan Termal Provincial, e antes de que remate 2014 celebrarse o acto de constitución do Consello Termal Ourensán, “ao que están convidados a participar todos aqueles que queiran achegar, en positivo, propostas que contribúan a sumar en favor do termalismo en Ourense, entre os que estarán, por suposto, as vilas termais e os concellos da provincia que teñen esa cualificación”, afirmou Manuel Baltar.

“O desexo do goberno provincial era ter un Plan Termal para a provincia de Ourense porque estamos convencidos do potencial e da riqueza singular que temos”, dixo Baltar, “e por iso empezamos a traballar cun acordo cos balnearios da provincia e propuxémoslle á Xunta de Galicia á realización dun Plan Termal que establecese un programa, unhas implicacións orzamentarias por parte das administracións e un cronograma de actuacións para o período 2014-2020”.

Manuel Baltar explicou, amosando aos participantes do Foro o documento do Plan Termal provincial, que o camiño do termalismo “é irrenunciable, faise en positivo e é de futuro. Non cabe outra interpretación. Traballando todos en cooperación: Xunta, Deputación, Universidade, concellos, empresariado e a Unión Europea, unidos en favor do termalismo e priorizando para que Ourense sexa a “Provincia Termal”, daremos pasos racionais para acadar compromisos de investimentos que fagan realidade  ese eixe vertebrador da nosa economía municipal e cunha visión integradora de provincia”.

Neste senso, Manuel Baltar destacou a implicación neste anos da Deputación de Ourense no ámbito do termalismo, que se verá incrementada en 2015 cun investimento inicial mínimo de 1,5 millóns de euros. “Porque todos debemos crer nas posibilidades do termalismo, algo que, unido á chegada do AVE, fixada para 2018, potenciará a nosa oferta termal e servirá para que poidamos “vender provincia” e con elo promocionar a nosa cultura, gastronomía, historia, naturezas e moi sinaladamente ese tesouro por descubrir que é a nosa riqueza termal”.

Precisamente, entre as últimas iniciativas que puxo en marcha a Deputación de Ourense en materia de termalismo figura o convenio de colaboración asinado con Renfe para promocionar o termalismo coa oferta de “viaxes termais” que teñen como destino balnearios da provincia de Ourense. Desta maneira, entre agosto e novembro deste ano, póñense a a disposición dos viaxeiros máis de 500 prazas asociadas a estancias balnearias de 6 días con tarifas especiais nos trens procedentes de Madrid e A Coruña que teñen como destino a provincia de Ourense. A Deputación e os balnearios que participan no Programa Termal encárganse do traslado dos viaxeiros dende a estación Ourense Empalme ata os establecementos balnearios.

 

Este acordo froito da cooperación institucional en favor da promoción do termalismo permite potenciar a marca de Ourense como provincia termal, exaltar e valorizar a nosa riqueza termal e favorecer un sector económico e turístico estratéxico para a nosa provincia, “para que esas dúas palabras, “Ourense” e “Termal”, vaian da man e cheguen a todos os mercados de ámbito nacional e internacional”, afirma Manuel Baltar.