Máis de 14.000 persoas beneficiaranse da orde de formación para ocupados grazas a un orzamento de 6,5 millóns de euros

xunta de galiciaMáis de 14.000 persoas, prioritariamente traballadores ocupados, poderán beneficiarse da orde destinada a financiar plans de formación, dotada con 6,5 millóns de euros e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Nestas accións tamén estarán abertas para os desempregados, sempre que supoñan un mínimo do 20 por cento e un máximo 40 por cento do alumnado.

As actividades están deseñadas para axustarse ás necesidades do mercado de traballo. O seu obxectivo fundamental é favorecer o desenvolvemento, tanto persoal como profesional, dos beneficiarios, ao tempo que se mellora a competitividade e produtividade das empresas.

A convocatoria divídese en catro eixos: plans de formación intersectorial; plans de formación intersectorial para traballadores e socios da economía social; dirixidos a traballadores autónomos; e plans específicos nos que se imparta formación parcial acumulable asociada á obtención de certificados de profesionalidade.

Así, o primeiro eixo está dotado con 5 millóns de euros. Os cursos serán desenvolvidos polas organizacións empresariais e sindicais intersectoriais máis representativas.

O segundo eixo vai dirixido a confederacións e federacións de cooperativas ou sociedades laborais con suficiente implantación, e contará con 162.500 euros. Pola súa banda, as entidades asociativas de traballadores autónomos, sempre que sexan intersectoriais e de ámbito galego, poderán recibir ata 195.000 euros.

O cuarto e o último eixo é o referido aos plans específicos nos que se imparta formación parcial acumulable asociada á obtención de certificados de profesionalidade, e que estará dotado con 1,1 millóns de euros. Os beneficiarios serán os centros e entidades de formación privados, acreditados no Rexistro oficial de centros de formación para o emprego de Galicia.

Toda a formación, que poderá ser presencial, de teleformación ou mixta, deberá cumprir todos os requisitos de calidade e estará supervisada polo departamento autonómico.

Ademais, cabe lembrar que aqueles desempregados que participen nestas accións poderán obter axudas por asistencia, aloxamento e manutención, transporte, e conciliación; así como para aquelas mulleres vítimas de violencia de xénero.

También te podría gustar...