Laura Quintas: “pedimos un sistema sanitario máis humano, empático e comunicativo afín a todo tipo de persoas”

  • A coordinadora da Comisión Sociosanitaria de COGAMI fai unha reflexión no Día Europeo dos Dereitos do Paciente sobre como debería ser o sistema sociosanitario ideal e adecuado ás necesidades das e dos pacientes

Laura Quintas Lorenzo

 

O 18 de abril conmemórase o Día Europeo dos Dereitos do Paciente, unha data que dende a Comisión Sociosanitaria de COGAMI aprovéitase para reclamar dereitos para todas as persoas que usan o sistema sanitario, e en particular, para as persoas que teñen discapacidade orgánica.

Dende a Comisión, en boca da súa coordinadora, Laura Quintas Lorenzo, faise fincapé na necesidade de que todas as persoas teñen o dereito de ser atendidas en condicións de igualdade, coa obriga de que os espazos, infraestruturas e materiais deban ser accesibles, algo que non sempre se cumpre. Apunta Quintas que “as persoas con discapacidade temos os mesmos dereitos e deberes que toda a cidadanía, o que reclamamos é poder ter igualdade de oportunidades”.

Outros dos dereitos que se reclaman están relacionados coa maternidade e coa toma de decisións sobre o noso propio corpo. Segundo Quintas, “as mulleres con discapacidade temos dereito a decidir sobre os nosos corpos, a ser tratadas ou a non tratarnos, a participar nas campañas de cribado, a ser nais ou a non selo e a recibir a información de xeito accesible e comprensible para unha correcta toma de decisións”.

A elección de tratamentos cando estes non sexan de obrigado cumprimento e o dereito ao consentimento informado e entendido pola persoa paciente, en palabras de Quintas, “o sistema sanitario debería mudar nun novo sistema máis humano e empático, que saiba comunicarse con todo tipo de persoas”. Remata dicindo que “mentres o sistema sanitario non sexa inclusivo, mentres outras persoas tomen decisións por nós, non estaremos a exercer os nosos plenos dereitos”

Comisión Sociosanitaria

Creada en 2011 por COGAMI ante o incremento de entidades de carácter sociosanitario que representan a persoas que teñen unha enfermidade crónica, esta comisión funciona como interlocutora coa administración pública sanitaria, para supervisar e colaborar no catálogo ortoprotésico, nos decretos de sanidade, nos plans de actuación do SERGAS, así como apoiar a colectivos específicos nas súas reivindicacións e potenciar as necesidades de accesibilidade no ámbito hospitalario.

Arestora esta comisión intégrana 25 entidades que representan a persoas con patoloxías como lupus, esclerose, fibromialxia e fatiga crónica, hemofilia, enfermidades do ril, crohn e colite ulcerosa, enfermidades reumatolóxicas, persoas con amputacións, persoas con lesión medular, linfedema e espondilite.

También te podría gustar...