1 1 1 2015 MB e Incyde (1)

 

O presidente da Deputación de Ourense e do Inorde, Manuel Baltar; o director xeral da Fundación Incyde, Javier Collado, e o presidente da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, acompañados polo alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, asinaron onte na Casa do Concello de Xinzo un convenio para a creación e consolidación de empresas, no marco do Plan “Transforma Ourense”.

Manuel Baltar dixo que este programa “da continuidade ao curso especializado en xestión agrícola, gandeira e forestal, dirixido a emprendedores e empresarios, sendo Ourense a primeira provincia de España en poñer en marcha un proxecto formativo destas características”, e engadiu que os emprendedores ourensáns “son parte fundamental para o desenvolvemento da nosa provincia, e nesa liña imos seguir os próximos anos”.

A Deputación a través do Inorde, coopera novamente neste Programa de Creación e Consolidación de Empresas e Autoemprego dirixido especialmente a emprendedores e a empresarios que queiran consolidar o seu negocio. Desta maneira, dase continuidade ao primeiro curso que se desenvolveu no Centro Agrogandeiro de Xinzo de Limia de Creación e Consolidación de Empresas especializado en xestión agrícola, gandeira e forestal.

Esta primeira experiencia que se puxo en marcha na provincia de Ourense serviu para impulsar iniciativas emprendedoras en xestión agrícola e forestal, en concreto 22 proxectos, que van dende a recuperación, repoboación e aproveitamento forestal, transformación da castaña, elaboración de diversos produtos agrícolas e gandeiros, patacas e outros como unha destilería, conservas de orixe vexetal e granxas ecolóxicas.

O segundo Programa de Creación de Empresas desenvolveuse no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás cun total de 25 proxectos de diversos sectores económicos: comercial, alimentación, apicultura, construción, asesoría para inmigrantes, decoración e artesanía.

Agora, este Terceiro Programa de Creación e Consolidación de Empresas e Autoemprego, que terá lugar no Centro Empresarial Transfroneirizo de Barbadás, está enmarcado no convenio asinado hoxe, tendo como principal obxectivo impulsar as oportunidades que ofrece a provincia de Ourense. Os obxectivos enmárcanse dentro da nova estratexia 2020 da UE para un “crecemento intelixente, sostenible e integrado”. Preténdese Integrar no mercado laboral ao 75% das persoas de idades comprendidas entre os 20 e os 64 anos; manter a taxa de abandono escolar por debaixo do 10% e lograr que menos dun 40% das persoas de idades comprendidas entre 30 e 34 anos completen a educación superior; e reducir en 20 millóns o número de persoas en situación de risco de pobreza e exclusión social.

Os destinatarios do programa, no que se invisten 45.000 euros para o seu desenvolvemento, son emprendedores que conten cunha idea de negocio e desexen realizar un proxecto viable de creación de empresa para a súa posterior posta en marcha, e tamén vai dirixido a empresarios que queiran consolidar o seu negocio, mellorar a rendabilidade da empresa ou avaliar outras alternativas de expansión. O número de prazas previstas é de entre 20 e 25 alumnos, e a duración será de 320 horas de formación, das que 280 horas dedicaranse a formación específica e á medida, con titorías individualizadas para cada proxecto, sendo o resto das horas empregadas en sesións conxuntas de contidos xerais: marketing, promoción e comercialización, aplicacións informáticas, xestión de información, internet, internacionalización, calidade, medio ambiente, finanzas e xurídico-fiscal.