Inaugúrase ‘A alegría da cor’ no C.C. Marcos Valcárcel

  • Presentación da exposición «A alegría da cor», do pintor José Ramón
  • A mostra será inaugurada hoxe ás 20.15 horas no Centro Cultural «Marcos Valcárcel»
Teresa Agra, Rosendo Fernández, Francisco González e Jose Ramón

Teresa Agra, Rosendo Fernández, Francisco González e Jose Ramón

 

O Centro Cultural «Marcos Valcárcel» conta cunha nova mostra nas súas instalacións. «A alegría da cor» do pintor José Ramón, quen faleceu a finais de 2015, cando estaba a rematar os preparativos desta mostra, que o Centro Cultural mantén coma homenaxe póstuma. A presentación da exposición tivo lugar esta mañá no Centro Cultural, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Centro Cultural, Francisco González, a viúva do artista, Teresa Agra, e o seu fillo, José Ramón.

A mostra, que será inaugurada esta tarde ás 20.15 horas, «é pura luminosidade, obra do pintor da luz e da cor», dixo Rosendo Fernández, quen engadiu «esta obra, como describe no catálogo, causáballe a José Ramón alegría e angustia, un binomio de dous termos moi opostos que teñen para nós moito valor, porque esta bipolarización non se deu moitas veces nas exposicións que aquí estiveron».

O director do Centro Cultural «Marcos Valcárcel» explicou que era «de xustiza renderlle homenaxe a súa obra» e definiu a José Ramón como «un pintor figurativo con estilo propio, que ten nas súas obras moitos elementos abstractos, con numerosas referencias a Galicia». Francisco González lembrou unha das frases escritas polo artista no catálogo que dicía «a obra non debe explicarse e debe de falar por si mesma», «algo patente nesta mostra», asegurou o director do Centro Cultural «Marcos Valcárcel».

O fillo do artista recoñeceu que era «un orgullo seguir mostrando a súa obra» e asegurou que para José Ramón as exposicións «tiñan moita importancia, considerábaas un reto, e mostraba un gran respecto ao que dicía o público con maiúsculas». Esta exposición é «unha selección de obras dunha etapa moi madura da cal José Ramón estaba moi satisfeito polo resultado dun esforzo moi esixente en todas as vertentes artísticas: no concepto, no debuxo, na técnica, na cor e no tratamento da luz», explicou o fillo do pintor.

No catálogo da mostra o artista José Ramón explicou o que significaba para el pintar: «é liberdade interior, instinto, inxenuidade e exquisita intelixencia. Pintar todo o que se experimenta, e traducir todo o que se sente».

También te podría gustar...