Igualdade aposta polo fomento da presenza das mulleres nos órganos de decisión no sector cooperativo
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, manifestou o venres a necesidade de fomentar e promover o incremento da presenza das mulleres na toma de decisión no medio rural, co fin de que alcancen a representatividade que, por xustiza, lles corresponde.
A secretaria xeral da Igualdade, participou hoxe na inauguración das II Xornadas “Atrévete contigo mesma”, organizadas por Feiraco, que teñen como finalidade o empoderamento, tanto a nivel persoal como profesional, das mulleres sociais e vinculadas á cooperativa. Pois, estas mulleres son as titulares das explotacións, as que traballan e gobernan, e as que deberían participar na asemblea cooperativa.
No marco da inauguración, López Abella resaltou a necesidade de potenciar a non discriminación neste ámbito, xa que, a participación da muller no cooperativismo é un factor clave para a ampliación da base produtiva, xerar diversidade, favorecer o relevo xeracional e optimizar o talento.
Mellorar a situación destas mulleres rurais implica entender o seu valor, fomentar a súa visualización e empoderamento, apostar pola súa capacidade para emprender e facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Mais, o papel laboral da muller no medio rural enfróntase a numerosos obstáculos pola mentalidade que aínda continúa subsistindo neste ámbito.
Neste senso, a secretaria xeral da Igualdade puxo de manifesto datos que amosan que a desigualdade, no sector do cooperativismo, é un problema a erradicar. Segundo datos do Observatorio Socioeconómico do Cooperativismo Agrario Español ao redor do trece por cento das mulleres ocupan cargos de dirección e xerencia das cooperativas, menos dun cinco por cen ten presenza nos consellos reitores das mesmas e tan só un vinte dous por cen de mulleres son socias de cooperativas, cifras que poñen de manifesto a falta de visibilidade da muller nestas áreas.
Dende a Xunta considérase que o futuro do rural pasa pola creación de máis e mellores oportunidades laborais para as mulleres, fomentando tamén a súa participación na toma de decisións, tanto a nivel económico como social. Pois, o importante papel das mulleres como motores de desenvolvemento e crecemento das zonas rurais non se corresponde coa súa presenza e peso específico nesta toma de decisións.