Diálogo do can co seu amo sobre a necesidade de morderlle aos amigos

 

Hoxe ‘Diálogo do can co seu amo sobre a necesidade de morderlle aos amigos’, unha sátira sobre a crise e a estupidez no TLO do Barco.

“Diálogo do can co seu amo sobre a necesidade de morderlle aos amigos”‘ é un texto de Jean Marie Piemme que Teatro do Morcego leva a escena con Celso Parada, Mundo Villalustres e Pablo Costas. Poderá verse este venres, 28 de novembro no TLO a partir das 21 horas. Entrada 5 euros.

Un sen teito, ex porteiro dun hotel de luxo, atópase cun can de rúa ao que lle gusta interromper o tránsito e provocar accidentes. Estes dous inadaptados, un xeneroso e outro cínico, van iniciar un diálogo sobre o estado do mundo para finalmente descubrir a tenrura na voz dunha nena.

Como dous Clowns que denuncian a hipocresía dunha sociedade, que se indignan con irreverencia contra o mundo no que vivimos. Unha sátira contra a estupidez e o egoísmo. Un músico de rá acompaña coa súa música a felicidade cómica deste encontro. Unha sátira sobre a crise que morde con sal e humor nas conciencias dos amigos para espabilalos.