Oficina-de-emprego-300x171Galicia pechou o mes de marzo cun descenso de 5.412 persoas desempregadas, o que supón un 2,1 por cento menos que no mes anterior. Deste xeito, o número de inscritos no desemprego sitúase nun total de 252.137 persoas nesta comunidade autónoma.

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, explicou hoxe que esta baixada intermensual sitúa a Galicia como a terceira comunidade autónoma na que máis diminuíu o paro rexistrado en termos relativos, e a cuarta en termos absolutos. É, ademais, o maior descenso intermensual en termos absolutos de toda a serie histórica, isto é, desde 1996.

Valorou tamén a evolución interanual, que xa acumula case un ano e medio de descensos consecutivos, o que confirma a “mellora progresiva” do comportamento do paro iniciado a finais de 2013. Así, de marzo de 2014 a este mes de marzo o número de desempregados descendeu en 24.326 persoas, un 8,8 por cento.

Sobre este dato, Díaz López destacou dous aspectos: que é a maior baixada absoluta dos dezasete meses consecutivos nos que se veñen rexistrando interanuais positivas; e que é, ademais, o mellor comportamento interanual dun mes de marzo en toda a serie histórica desde 1996 se se computa en termos absolutos; e desde 2007, computando en termos relativos.

Deste xeito, Galicia sitúase en niveis de paro similares aos que había hai tres anos, o que supón volver a cifras anteriores ás do ano 2012.

En España, o desemprego baixou en 60.214 persoas, un 1,33 por cento, ata situarse nos 4.451.939 parados. En termos interanuais, o paro en España baixou nun 7,17%. Deste xeito, Galicia sitúase por riba da media estatal tanto a nivel mensual como interanual.

Por sectores, a principais diminución destes mes concéntranse no sector servizos (-3.030). Tamén baixa na construción (-1.241); a industria (-926); e a agricultura e a pesca (-447). Pola contra, rexístrase un lixeiro aumento no colectivo sen emprego anterior, cun incremento de 232 persoas. Por provincias, o desemprego baixou en todas elas, principalmente en Pontevedra (-3.077). A continuación sitúase A Coruña (-1.472); Lugo (-546); e Ourense (-317).

Na evolución dos contratos, este mes rexistráronse un total de 63.842 contratos, 10.150 máis que no mes anterior. Deste total, 5.879 foron indefinidos (9,21%), e 57.963 temporais (90,79%). No eido dos contratos, tamén se rexistra unha interanual positiva do 25,05%.