Galicia é a primeira Comunidade Autónoma da rexión atlántica en designar todas as zonas de especial conservación da Rede Natura 2000
A Xunta de Galicia vén de rematar os traballos de designación de todas as zonas de especial conservación, o que sitúa a este comunidade como a primeira da rexión atlántica en levar a cabo este traballo e, xunto con Cataluña, A Rioxa e Melilla son as únicas comunidades que cumpriron coa obriga de designar como zonas de especial conservación os lugares de importancia comunitaria que forman parte da Rede europea Natura 2000.
Na actualidade, Galicia suma á Rede Natura 59 Zonas de Especial Conservación e 16 ZEPA (Zonas de especial protección para as aves) que abarcan unhas 390.000 ha. Un total de 75 espazos en dúas rexións bioxeográficas: a mediterránea e a atlántica.
Cómpre lembrar que a Comisión Europea remitiu a España un expediente de infracción no que se advirte dos retrasos e da deficiente xestión que se está a facer dos espazos que están incluídos nesa rede ecolóxica. A Comisión considera que a maioría das comunidades incumpren as obrigacións, excepto Galicia, que cumpriu o relativo á transformación dos LIC (lugar de interese comunitario) en Zonas de especial Conservación grazas á aprobación do Plan Reitor da Rede Natura.
Ao analizar a biorrexión atlántica (Asturias, Cantabria, Castela e León, Galicia, Navarra e o País Vasco) a Comisión Europea observou que España incumpriu no caso de 116 LIC, que se localizan en Asturias (49), Cantabria (21), Castela e León (18), Navarra (9) e o País Vasco (19). No caso da rexión bioxeográfica mediterránea non se deu cumprimento no caso de 876 lugares de importancia comunitaria.
A Comisión tamén fai unha avaliación sobre a obriga de establecer medidas de conservación necesarias nas zonas de especial conservación, que deben responder ás esixencias ecolóxicas da Directiva de hábitats presentes e que o acto de designación das ZEC debe acompañarse dun mecanismo para o establecemento e execución de medidas de conservación.
No caso de Galicia, a Dirección Xeral de Conservación está a elaborar un informe coas medidas que se recollen no Plan Director para garantir o estado de conservación da Rede Natura 2000, que será remitido á Unión Europea para o seu coñecemento.