Galeuropa permitirá que 3.000 mozos e mozas realicen prácticas no estranxeiro grazas a un investimento de 7 millóns de euros ata 2020

xunta-de-galicia-300x135Galicia, a través do seu programa Galeuropa, é a primeira comunidade autónoma española que se incorpora ao traballo en rede de dez países europeos para a posta en marcha dun proxecto transnacional de mobilidade xuvenil. Esta iniciativa, que contará cun orzamento superior aos 7 millóns de euros, permitirá que ata 2020 un total de 3.000 mozos e mozas galegos poidan realizar prácticas formativas non retribuídas en países europeos, cunha duración de dous a tres meses consecutivos.

Este proxecto enmárcase no Programa Operativo de Emprego xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa Europea de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Cada ano publicarase unha orde de convocatoria, que no caso de 2015 estará dotada con máis dun millón de euros, o que supón un incremento do 55% con respecto ao ano anterior, cando este programa se realizaba exclusivamente con fondos propios. Así, Galicia é unha das rexións europeas que máis investimento destina a este programa proporcionalmente, en función da seu número de mozos e mozas.

Cabe destacar, ademais, que esta iniciativa forma parte da implementación do sistema de Garantía Xuvenil na comunidade autónoma. A finalidade deste programa de mobilidade transnacional xuvenil é reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos mozos, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional internacional, que tamén pode favorecer, posteriormente, a internacionalización das empresas galegas.

Os participantes deben estar inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; ter menos de 25 anos; non ter traballado nos trinta días anteriores ao momento de recibir a actuación; non ter recibido accións educativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos noventa días anteriores; e non ter recibido accións formativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores.

As axudas poderán ser de carácter individual ou ben mediante a concesión de axudas a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro con domicilio social en Galicia, e que desenvolvan actividades no eido da xuventude; ou a proxectos liderados por entidades locais.

A contía da axuda por cada beneficiario establecerase en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma. O importe incluirá unha axuda para os gastos de aloxamento e manutención; para apoio sociolingüístico; para a viaxe; e para gastos excepcionais (visados, pólizas de seguros…).

Ademais, para aqueles proxectos que sexan promovidos polos concellos e entidades sen ánimo de lucro está prevista unha axuda para apoiar os aspectos organizativos, de execución do proxecto e de necesidades especiais.