Formación en poda de oliveiras en Petín e Quiroga

  • A Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia está a desenvolver esta fin de semana, 19 e 20 de febreiro, un curso para os seus asociados.

Foto: XMF. Oliveiras na parroquia de Montefurado

 

Desde poucos días despois de anunciarse completouse o número de prazas o que, segundo a asociación, demostra o interese por aumentar os coñecementos e consolidar o sector da oliveira en Galicia. 

A Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia -APAAG- organiza esta fin de semana un novo curso de poda da oliveira dirixido a particulares e profesionais do sector oleícola da comarca de Valdeorras e de Quiroga.

No curso, estruturado en dúas xornadas teórico-prácticas que se desenvolven este sábado 19 e domingo 20 de febreiro,  os participantes e as participantes aprenderán técnicas de poda de formación e produción de árbores novas e de rexeneración ou recuperación de oliveiras autóctonas.

O curso, impartido polo experto oleícola Ramón Pulgar, comezou este sábado 19 de febreiro ás 9:30 h no teleclube do Concello de Petín, para despois trasladarse a terreo e observar exemplos prácticos. A xornada do domingo 20 terá lugar nunha aldea do Concello de Quiroga.

Esta actividade enmárcase dentro das accións de formación que cada ano organiza o colectivo de produtores/as de aceite e aceituna de Galicia.

Foto: XMF. Oliveira na parroquia de Montefurado

 
A APAAG

A Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia, naceu en decembro do 2014 pretendendo agrupar nunha mesma entidade a todos os produtores de aceite e aceituna do territorio galego para asesorar sobre todo o relativo ao cultivo das oliveiras, e defender o sector no seu conxunto.

 

Desde APAAG, acompañan aos socios/as no asesoramento e mellora das plantacións con formacións, apoio e colaboracións en investigacións, publicacións, etc. Todo isto apostando por que se regule o sector a través dun novo marco normativo que recoñeza e protexa a calidade do auténtico aceite que se produce en Galicia.

 

También te podría gustar...