Folgoso do Courel: residencia e centro de día da terceira idade

  • A Xunta de Goberno do Concello de Folgoso do Courel concédelle á Deputación de Lugo a licenza municipal para a construción da residencia e centro de día da terceira idade
  • O Pleno aprobará esta tarde, como xa fixo a institución Provincial, unha addenda do Convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel para a execución dos fins comúns referentes a esta edificación
  • O investimento previsto para este proxecto ascende a 1,4 millóns de euros, dos que a Deputación achega 1,2 millóns e o Concello os 200.000 euros restantes
  • A rexedora pídelle á institución provincial “que se poña a traballar para poder licitar as obras canto antes”

 

O Concello de Folgoso do Courel aprobou hoxe en Xunta de Goberno a licenza municipal para a construción da residencia e centro de día da terceira idade, que se fará no antigo colexio de Folgoso.

O informe xurídico da Secretaría precisa que a documentación que se achegou por parte da Deputación de Lugo “resulta suficiente para a tramitación e concesión da licenza municipal de obra, se ben o proxecto de execución referido deberá incluír, ademais da xustificación do cumprimento do condicionado da licenza, a xustificación do cumprimento do resto da normativa básica de aplicación non incluída no proxecto básico”.

O  investimento previsto para este proxecto ascende a 1,4 millóns de euros, dos que a Deputación achega 1,2 millóns e o Concello os 200.000 euros restantes. A residencia terá capacidade para unhas 32 persoas e el centro de día, para vinte. A nova construción ocupará unha superficie de 780 metros cadrados.

Prórroga do convenio

Así mesmo, no Pleno que se celebre esta tarde o Goberno local aprobará, como tamén fixo a institución provincial, a segunda addenda do Convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel para a execución dos fins comúns consistentes na construción da residencia e centro de día da terceira idade no Concello de Folgoso do Courel.

A addenda sométese ao Pleno tras informar a Área de Promoción Económica e Social da Deputación da necesidade de aprobar unha segunda Addenda, co obxecto de modificar as cláusulas terceira, sexta e sétima relativas ao prazo de execución e vixencia do convenio, ata o máximo do prazo permitido, salientando que a modificación proposta non altera as condicións esenciais do documento inicial do Convenio Interadministrativo.

No informe citado recóllese expresamente que “a non prórroga do mesmo implicaría deixar sen cumprir o obxectivo do Convenio, coa perdida da creación dun servizo social comunitario de gran demanda na zona, e polo tanto, un gran prexuízo para a poboación da provincia de Lugo en xeral e da poboación do Concello de Folgoso do Courel, en particular, afectando aos intereses de ambas administracións locais”.

O Concello pide “axilidade”

Desde o Concello de Folgoso do Courel agardan que isto non supoña un novo retraso na construción do inmoble, que debera estar xa rematado en 2019, polo que a rexedora, Lola Castro, agradece a colaboración da Deputación á que tamén lle pide “axilidade” no comezo das obras.

Agardamos que se poñan a traballar para poder licitar as obras canto antes

, resume a alcaldesa.

 

También te podría gustar...