Feijóo refírese ao novo edificio xudicial de Ourense como a proba de que cando a Xunta e a Administración local traballan conxuntamente gañan, porque gañan as cidades e os cidadáns

11002512_10200399599709008_3386747577994438453_nO presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao novo edificio xudicial de Ourense como a proba de que cando a Xunta e a Administración Local traballan conxuntamente gañan, “porque gañan as cidades e porque, sobre todo, gañan os cidadáns”.

Así mesmo, afirmou que esta nova sede xudicial é a mostra de que os galegos nos momentos máis aciagos da crise económica “fomos quen de tentar non renunciar á mellora dos servizos públicos durante esta profunda crise económica”. “Por iso, agora que comeza a amainar o temporal económico, podemos dicir que os servizos públicos quedaron preservados tanto no eido da sanidade -con hospitais novos ou renovados nas principais cidades, e máis centros de saúde-; na educación pública -incorporando ao ensino novas tecnoloxías-; e no eido da Administración xudicial, máis eficiente e áxil, con máis infraestruturas físicas e grazas ao uso das TIC”, aseverou.

Como mostra deste compromiso, Feijóo salientou que os orzamentos da Xunta destinan este ano 120 millóns de euros, un 6% máis con respecto ao 2014, para este servizo público esencial como é a Xustiza.

Un sistema xudicial con máis recursos e máis próximo ao cidadán

Co obxectivo de acadar un sistema xudicial con máis recursos pero, tamén, cunha organización eficaz e dilixente que o faga máis próximo ao cidadán, Feijóo lembrou a posta en marcha do Plan Senda 2010-2014 que, cun investimento superior aos 30 millóns de euros, conseguiu ata o de agora avances como: a renovación do equipamento informático na administración xudicial; a incorporación da videoconferencia en 60 salas; a utilización do sistema de gravación de vistas con sinatura dixital, que a finais de marzo estará operativo en 94 salas; a presentación telemática de escritos a través do programa Lexnet (que nos últimos catro anos rexistrou 10 millóns de notificacións); a posta en marcha do portal da Xustiza, e dunha axenda web de sinalamento de vistas; a entrada en funcionamento do portasinaturas dixital (para a sinatura de documentos por vía electrónica); a dixitalización do traballo dos forenses do Imelga; ou a acreditación dixital dos profesionais da xustiza.

Todos estes avances completaranse co vindeiro Plan Senda 2015-2020, que permitirá facer efectiva a implantación do expediente xudicial electrónico ou a posta en marcha da sede electrónica dixital.

Nesta mesma liña, Feijóo salientou que a Xunta está a cometer un proceso de expurgo nas principais sedes de xustiza; e, ata o de agora, cómpre sinalar que xa foron rexistrados preto de 240.000 expedientes de 120 órganos xudiciais, coa previsión de conseguir un 75% máis de espazo nas dependencias dos xulgados galegos. E, coa finalidade de acadar unha xustiza máis próxima ao cidadán, o Goberno galego está a impulsar medidas como a asistencia xurídica gratuíta para as persoas que non teñen recursos, dotándoa do financiamento necesario e axilizando os pagamentos; e está a apostar pola mediación intraxudicial.

Ampliar a rede de infraestruturas xudiciais de Galicia

No tocante ao Plan de infraestruturas xudiciais, que conta cun orzamento de preto de 100 millóns de euros, o responsable do Executivo autonómico afirmou que se trata dun plan que está a poñer en evidencia o gran esforzo investidor que está a realizar o Goberno galego para ampliar a rede de infraestruturas xudiciais de Galicia.

Ao fío disto, aseverou que nestes últimos cinco anos, a Xunta leva investido máis en obras de nova planta ou de reforma, que nos trece anos transcorridos entre 1996 e 2009, desde que se lle transfiren á Comunidade as competencias de xustiza. “Un período no que se destinaron a infraestruturas xudiciais 41 millóns de euros fronte aos 50 millóns de euros que xa levamos executado nestes últimos cinco anos”, abundou.

Logo de afirmar que este plan nace, tamén, da colaboración entre administracións, Feijóo precisou que o novo edificio xudicial de Ourense, que supuxo un investimento de 18 millóns de euros -“a maior infraestrutura xudicial que este Goberno fixo nos últimos seis anos”-, conta con máis de 14.000 metros cadrados distribuídos en nove plantas; ten capacidade para 24 xulgados e 16 salas de vistas, con espazos para os servizos de rexistro civil, Imelga, oficina de atención ao cidadán e á vítima, colexios profesionais, servizos de notificacións e embargos, etc. e dará servizo a máis de 200 profesionais.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención incidindo en que este novo inmoble vén solucionar os problemas de espazo que hai na actualidade no Pazo de Xustiza de Ourense; e revitalizará o barrio do Couto.

Así mesmo, salientou que a colaboración entre administracións está a permitir afrontar outras grandes infraestruturas actualmente en marcha, como a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU), ou o inicio das obras do centro de saúde do Couto.

También te podría gustar...