Feijóo acorda coa Deputación de Ourense reforzar as liñas de colaboración para seguir mellorando servizos públicos e seguir impulsando sectores como o vitivinícola e o termal

image_galleryO presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acordou hoxe co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, reforzar as liñas de colaboración que xa están en marcha para mellorar servizos públicos e impulsar sectores como o vitivinícola e o termal.

Nesta liña, e durante unha xuntanza mantida esta tarde, Feijóo trasladoulle ao presidente da Deputación de Ourense a intención do Goberno galego de reforzar a axuda que se está a prestar ás persoas con menos recursos, abrindo a municipios e deputacións o Plan de Loita contra a Desigualdade Económica. E agradeceu a disposición da deputación ourensá a participar nesta iniciativa, “conscientes de que a coordinación entre todos é a mellor forma de prestar o mellor servizo aos cidadáns que menos teñen”.

Se ben este plan foi o asunto social que máis tempo ocupou do encontro, Feijóo garantiu o compromiso da Xunta para continuar mellorando os servizos sociais “como fixemos nos últimos anos”. Non en van, hoxe, a provincia de Ourense ten un 55,7% máis de beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar; un 20% máis de prazas públicas para persoas maiores e case un 25% máis de prazas de garderías públicas.

Ambos os dous mandatarios acordaron tamén continuar desenvolvendo o protocolo de colaboración en materia de servizos sociais, aprobado en 2012; e seguir afondando de forma coordinada na planificación das infraestruturas sociais, “especialmente –matizou Feijóo- no que ten que ver con residencias e centros de día, para que o labor da Xunta e da Deputación non xere duplicidades senón que se complemente”.

Impulso de sectores como o vitivinícola e as novas tecnoloxías
Fóra do ámbito social, Feijóo e José Manuel Baltar abordaron outros asuntos, entre os que destacan varias colaboracións no sector primario. Así, o responsable autonómico avanzou a intención de reeditar para os anos 2016-2017 o Plan de camiños rurais, que nos últimos anos supuxo unha inxección de seis millóns de euros na provincia ourensá, “e que agora queremos continuar e aumentar para poder ampliar, mellorar e manter con máis intensidade os camiños de titularidade municipal”.

Así mesmo, destacou o acordo de reforzar as conversas co instituto de desenvolvemento económico da Deputación, o Inorde, unha ferramenta importante para desenvolver proxectos conxuntos entre Xunta e a institución provincial no sector primario.

A este respecto, ambos os dous mandatarios consideraron como un dos eidos prioritarios o sector vitivinícola e o sector da castaña, pola súa importancia en Ourense e polas súas posibilidades para conseguir efectos positivos na economía da provincia.

No eido das novas tecnoloxías, Feijóo destacou que a plataforma de interoperabilidade Pasaxe busca que paulatinamente os datos e os documentos que operan en poder da Xunta poidan ser accesibles polas administracións locais, e viceversa, para que os cidadáns non teñan que estar entregando os mesmos papeis nos distintos trámites coas administracións.

Sector termal, Estación de Manzaneda e a Ribeira Sacra
No tocante ao sector do turismo, o responsable autonómico lembrou que no que ten que ver co Plan Ourense, a provincia termal, estase actuando na mellora de balnearios como o de Cortegada “e, falamos tamén de distintos proxectos que temos que perfilar como o de Laias ou o gran balneario da cidade de Ourense, xunto con outras actuacións no Carballiño e en Verín que temos que concretar nos presupostos de 2016 e seguintes”.

Neste contexto, destacou tamén a posta en marcha de diversas actuacións para crear novas rutas turísticas que difundan o termalismo na provincia; “e estamos actuando na promoción, con trens balnearios ou feiras como Termatalia, e na formación coa creación da primeira Cátedra de Hidroloxía Médica”.

No tocante á Estación de Manzaneda, Feijóo e o presidente da Deputación de Ourense coincidiron na necesidade de, primeiro, ver a posibilidade de declaración de impacto ambiental no tocante á creación de neve artificial e, despois, valorar a súa viabilidade económica. “E, tamén coincidimos na necesidade de seguir da man para lograr que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade”, engadiu.

Por último, ambos os dous mandatarios fixeron referencia á iniciativa de cofinanciar un Plan de infraestruturas deportivas que afectará ao pavillón de Os Remedios da cidade das Burgas e a outras infraestruturas relacionadas co termalismo deportivo no parque náutico de Castrelo de Miño e na contorna dos balnearios de Laias e Arnoia. “Falamos tamén de proxectos desde o punto de vista do piragüismo, do remo, de parques acuáticos… que estamos perfilando e que tamén terán un reflexo nos presupostos de 2016”, explicou Feijóo.

“En definitiva, un encontro que serviu para repasar tanto actuacións que queremos levar a cabo desde a Xunta como para poñer sobre a mesa aquelas nas que precisamos a colaboración da Deputación”, concluíu o titular da Xunta, incidindo en que Galicia, cando máis poderá avanzar, “é se somos capaces de construír un proxecto común que implique a todas as administracións”.

También te podría gustar...