Expertos en liderado político debaterán en Ourense sobre transparencia e bo goberno

  • A Xornada, primeira destas características que organiza en España a Fundación Democracia e Goberno Local, terá lugar o vindeiro 6 de novembro e será inaugurada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Expertos en liderado político debaterán en Ourense sobre os asuntos de máis actualidade no ámbito da transparencia, goberno aberto, bo goberno e, sinaladamente, liderado político na primeira xornada sobre esta temática que organiza en España a Fundación Democracia e Goberno Local, e que está promovida pola Deputación de Ourense.

0 MB e Llobet

A xornada, que se celebrará no Centro Cultura «Marcos Valcárcel» o vindeiro venres, 6 de novembro, será inaugurada polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e contará coa participación do xerente da Fundación Democracia e Goberno Local, José Luis Moreno Torres. Ao longo da xornada, dirixida a cargos público locais electos, desenvolveranse relatorios referidos a «Liderado inspirador e emocional na función pública», a cargo de Cristóbal Táuler San Miguel, director de RRHH e Formación na Fundación alia2; «O liderado político, os medios de comunicación tradicionais e as redes sociais», impartido por Santiago Delgado Fernández, profesor titular de Ciencia Política e Administración da Universidade de Granada; e «Ética, Transparencia e Bo Goberno», a cargo de Benigno Pendás García, director do Centro de Estudos Políticos e Constitucionais do Ministerio da Presidencia, e catedrático de Ciencia Política da Universidade CEU San Pablo.

Manuel Baltar afirma que esta actividade formativa e divulgativa sobre liderado político, xestión das administracións, transparencia e bo goberno «é unha nova aposta pola política con maiúsculas que desenvolve a Deputación de Ourense, na procura de levar a cabo iniciativas innovadoras que contribúan a facer unha xestión máis moderna e máis participativa e proactiva cos cidadáns para seguir mellorando os índices de eficiencia e eficacia nos servizos que ofrecemos aos cidadáns e concellos da provincia de Ourense».

Hai dúas semanas a Deputación de Ourense organizara a primeira das xornadas dirixida a cargos públicos electos da provincia, na que o profesor Rafael Jiménez Asensio abordou o tema «Vademécum de política municipal. O obxectivo destes seminarios formativos é, segundo afirma Manuel Baltar, «poñer a disposición dos rexedores locais unha formación actualizada, e que teñan a posibilidade de plantexar cuestións a expertos nesta materia para que os gobernantes poidan prestar un mellor servizo público e realizar unha mellor xestión a prol dos cidadáns».

Dado o interese e a novidade que supón levar a cabo iniciativas formativas para cargos electos locais, o goberno provincial determinou destinar nos orzamentos da Deputación de Ourense para 2016 –aprobados o pasado mes de setembro- unha partida denominada «Formación de cargos públicos electos locais».

También te podría gustar...