Enxalzada o labor do persoal de extinción e situación dos lumes forestais, desactivada a “Situación 2” en Trives

  • Ángeles Vázquez denuncia a actividade incendiaria das últimas horas en Ourense e enxalza o labor do persoal de extinción
  • Destacou que o traballo dos efectivos de extinción logrou poñer couto á situación e frear a expansión da meirande parte dos incendios con celeridade, polo que de novo agradeceu e fixo público recoñecemento do seu labor

13988035_528434104015423_6454462327424129832_o

 

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, denunciou hoxe a alta actividade incendiaria localizada nas últimas horas na provincia de Ourense e pediu, unha vez máis, a colaboración cidadá para loitar contra este grave problema. Malia esta circunstancia, engadiu, o traballo dos efectivos de extinción logrou poñer couto á situación e frear a expansión da meirande parte dos incendios con celeridade, polo que, de novo agradeceu e fixo público recoñecemento do seu labor.

En declaracións á Radio Galega, a titular de Medio Rural lembrou que esta pasada madrugada estivo en Pobra de Trives acompañando aos veciños desaloxados no núcleo do Seixo, onde unha vivenda viuse afectada polas lapas, sen que se rexistrasen danos persoais.

Ángeles Vázquez sinalou, como proba desta actividade delituosa, os máis de 20 lumes rexistrados na provincia ourensá dende a madrugada do domingo e o achado de varias candeas nun lume no concello de Padrenda, no que chegaron a contabilizarse ata 4 incendios diferentes, de xeito practicamente simultáneo. Este material foi entregado á Policía Autonómica, que está a investigar o caso.

Canto ao lume de Pobra de Trives, parroquia de Navea, a conselleira explicou que inicialmente os medios de extinción tíñano practicamente estabilizado, pero desencadeouse unha forte treboada con aparello eléctrico e fortes ventos variables que impediron a acción dos medios aéreos e complicaron os traballos. Isto provocou un descontrol do incendio, que chegou a afectar a referida vivenda no lugar do Seixo, sen que haxa que lamentar danos persoais nin no gando do lugar.

Ángeles Vázquez engadiu que no sur da provincia de Lugo a meirande parte dos lumes foron provocados polas treboadas secas tamén rexistradas nesa zona e a maioría fóronse atallando, tendo en xeral escasa incidencia.

Canto aos 5 operarios feridos –4 por inhalación de fume e outro por un golpe nun xeonllo–, a conselleira do Medio Rural explicou que falou con eles para interesarse pola súa situación, que todos tiveron carácter leve e que 4 foron dados de alta e un dos intoxicados por fume permanecerá en observación aínda unhas horas antes de recibir a alta, por precaución.

 

Situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19:30 horas de hoxe

  • Foi dado de alta o operario ferido leve por intoxicación de fume nun lume –xa extinguido– en Sarreaus (Ourense)
  • Seguen activos os lumes da Pobra de Trives, parroquia de Navea –no que xa foi desactivada a “Situación 2”– e Cervantes, parroquia de San Tomé
  • Está estabilizado o incendio de Melón, parroquia de Quins
  • Permanecen controlados os lumes de Cualedro, San Millao; Porto do Son, parroquias de Xuño e Caamaño; Arbo, Mourentán e Crecente, Albeos

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19:30 horas de hoxe.

Esta tarde foi dado de alta o operario ferido leve por intoxicación de fume mentres traballaba na extinción dun lume na localidade ourensá de Sarreaus. O lume no que interveu está extinguido desde as 01:20 horas desta madrugada e afectou unhas 12 hectáreas.

Lumes activos

A Pobra de Trives, Navea
Ás 16:32 horas foi desactivada a “Situación 2” no lume rexistrado no concello ourensán da Pobra de Trives, parroquia de Navea, que continúa activo. Este incendio, iniciado ás 18:24 de onte domingo, afectou unha superficie de arredor de 164 hectáreas, segundo as últimas estimacións. Nel levan traballado 2 técnicos, 9 axentes, 33 brigadas, 13 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e 2 avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cervantes, San Tomé
Segue activo desde as 21:05 horas de onte un lume no concello lugués de Cervantes, que afecta, segundo estimacións provisionais, unha superficie de máis de 30 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 13 axentes, 21 brigadas, 15 motobombas e 6 helicópteros.

Lumes estabilizados

Melón, Quins
Dende as 16:46 horas permanece estabilizado o lume do concello ourensán de Melón, parroquia de Quins, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 100 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 2 técnicos, 7 axentes, 34 brigadas, 9 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 3 avións.

Lumes controlados

Permanecen controlados os seguintes lumes: Cualedro, San Millao (afectou 450 ha, segundo as últimas estimacións); Porto do Son, parroquias de Xuño e Caamaño (afectou unhas 1.000 ha, contabilizando tamén o xa extinguido na parroquia de Baroña); Arbo, Mourentán (afectou 1.583 ha); Crecente, Albeos (afectou 300 ha).

 

 

También te podría gustar...