• A Deputación de Ourense destina 950.000 € para as obras dos accesos ao Complexo Hospitalario
  • O pleno da Corporación Provincial, celebrado onte, aprobou tamén destinar 300.000 € para o Programa “Educou” para a realización de obras de mellora e acondicionamento en centros educativos de 35 concellos da provincia de Ourense
  • A corporación deu conta do balance económico da institución provincial referido a 2015, que reflicte os mellores resultados económicos do ente provincial en toda a súa historia: 26,7 millóns de euros de remanente de Tesourería e a menor porcentaxe de endebedamento, situada no 34,9 %
  • O pleno aprobou, asemade, a modificación do Regulamento Orgánico da Deputación en materia de acceso ás sesións plenarias, e a moción relativa á defensa das deputacións provinciais de réxime común
Imaxe do pleno da Deputación de Ourense

Imaxe do pleno da Deputación de Ourense

 

O pleno da Deputación de Ourense aprobou onte destinar un total de 949.614 € para as obras de urbanización dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), o que permitirá acometer esta importante infraestrutura na zona de ampliación do centro sanitario da capital ourensá. Desta maneira, o ente provincial coopera co Servizo Galego de Saúde (Sergas) e co Concello de Ourense na realización desta obra, cuxo investimento total ascende a 1,3 millóns de euros. A actuación do goberno provincial foi decisiva para desbloquear este proxecto e para que os orzamentos comprometidos para o mesmo poidan executarse, co obxectivo de poñer a disposición das veciñas e veciños da provincia de Ourense unha moderna infraestrutura hospitalaria.

O acordo enmárcase na liña de cooperación que a Deputación de Ourense ven mantendo co Sergas e forma parte do convenio de colaboración asinado a catro bandas entre Xunta de Galicia (por medio do Sergas), a Axencia Galega de Infraestruturas, a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense para realizar estas obras de urbanización de accesos. O proxecto global da ampliación do complexo hospitalario está financiado polo Sergas e executado pola Axencia Galega de Infraestruturas, mentres que Deputación e Concello de Ourense asumen o financiamento da urbanización de accesos, sendo a institución provincial quen achega a maior parte dos investimentos para esta obra: 949.614 euros.

Por outra banda, o pleno da Corporación Provincial aprobou tamén destinar 300.000 € para o Programa “Educou” para a realización de obras de mellora e acondicionamento en centros educativos de 35 concellos da provincia de Ourense. As actuacións de infraestruturas educativas realizaranse no marco do 2º Plan Educou, correspondente ao ano 2016, e a iniciativa aprobada onte no pleno permitirá axilizar os trámites e comezar de contado a execución das obras, cuxo obxectivo é seguir mellorando a calidade da atención á infancia e ás infraestruturas e servizos que se prestan nos centros educativos da provincia de Ourense.

Asemade, o Pleno da Corporación Provincial deu conta do balance económico da Deputación de Ourense referido a 2015, o cal reflicte os mellores resultados económicos do ente provincial en toda a súa historia: 26,7 millóns de euros de remanente de Tesourería e a menor porcentaxe de endebedamento, situada no 34,9 %. Neste sentido, destaca tamén o novo descenso que se produce no período de pago medio a provedores, 12,3 días, e reafírmase a estimación de que en maio de 2019 a institución chegará ao remate do actual mandato con endebedamento cero.

O pleno aprobou tamén a modificación do Regulamento Orgánico da Deputación en materia de acceso ás sesións plenarias, establecendo segundo os criterios técnicos as normas sobre acceso e o aforo máximo na zona de público que se establece en 45 persoas, todo elo coa finalidade de garantir o normal funcionamento das sesións plenarias.

Tamén aprobou o plenario a moción relativa á defensa das deputacións provinciais de réxime común, na que se reivindica “o papel fundamental das deputacións, a quen constitucionalmente lles corresponde o goberno e administración autónoma das provincias, como vertebradoras do territorio e cooperadoras cos concellos, mediante asistencia económica, técnica e xurídica”, sinalando que estes entes deben “continuar co proceso de modernización administrativa para gañar en eficiencia, contar nun novo marco de financiamento e reformar a lei electoral para a elección directa dos integrantes da corporación provincial, reiterando o acordo unánime deste pleno do debate sobre o estado da provincia de 2014”.

A totalidade dos acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense celebrado hoxe foron os seguintes:

APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN N.º 1/2016 DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO PARA O EXERCICIO 2015

Acordo:

-Aprobar inicialmente a modificación da Relación de Postos de Traballo para o exercicio 2015, mediante a creación dun novo posto, coa súa correspondente praza, de interventor -asesor no Gabinete de Asesoría Xurídica e Asistencia a Municipios, coas mesmas características do posto de idéntica denominación xa existente (engadindo a previsión específica de que pode ser asignado a funcionarios da subescala de Intervención-Tesourería en caso de cesamento en postos de libre designación).

-Someter a modificación inicialmente aprobada ao trámite de información pública por termo de vinte días hábiles, mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación. Durante o dito prazo, os interesados poderán formular as alegacións que estimen oportunas, que serán obxecto de resolución expresa polo Pleno. No caso de non formularse alegacións en prazo, entenderase automaticamente elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial.

APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN DO REGULAMENTO ORGÁNICO DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE EN MATERIA DE ACCESO ÁS SESIÓNS PLENARIAS

Acordo:

1º) Modificar o Regulamento Orgánico da Deputación Provincial, engadindo tres novos apartados – e), f) e g) – no artigo 4, co seguinte contido:

e) Normas sobre acceso do público ás sesións plenarias:

O aforo máximo actual na zona de público establécese en corenta e cinco persoas.

Coa finalidade de garantir o normal funcionamento das sesións plenarias, a distribución das prazas para reservar seguirá os seguintes criterios:

– Dez prazas serán de libre acceso ao público, asignándose por orde de presentación da solicitude, realizada por vía telemática ou a través do Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense, debendo presentarse a solicitude cando menos vinte e catro horas antes da celebración da sesión para a que se solicita.

– Dúas prazas a disposición da Presidencia para invitacións institucionais.

– Tres prazas a disposición do Pleno, para persoal ao seu servizo ou por necesidades no seu desenvolvemento.

– Trinta prazas a disposición dos diferentes grupos políticos, distribuídas proporcionalmente de acordo co seu grao de representación institucional.

De non cubrirse a totalidade das prazas reservadas, e existindo solicitudes sen poder ser atendidas, procederase a atendelas por rigorosa orde de presentación no Rexistro Xeral.

A reserva de prazas para os grupos políticos, deberá realizarse por vía telemática, a través do Portal de Transparencia da Deputación Provincial de Ourense, cunha antelación mínima de vinte e catro horas respecto da sesión plenaria.

f) Normas de cortesía no desenvolvemento da sesión:

1. As persoas do público que asistan ás sesións do Pleno deberán:

a) Gardar silencio.

b) Absterse de realizar manifestacións de aprobación ou desaprobación, perturbar a orde ou faltar á debida compostura.

c) Comunicarse no salón de Plenos con ningún deputado ou deputada.

d) Os invitados deben absterse de portar pancartas, estandartes, ou emblemas que non respecten o establecido no apartado b).

2.- Cada grupo político informará aos seus invitados respecto á orde dentro do salón de plenos e farase responsable do cumprimento do apartado anterior por parte dos seus invitados, así como de calquera comportamento que puidera resultar inadecuado por parte destes.

3.- O presidente tomará as medidas necesarias respecto das persoas do público que perturben o normal funcionamento da sesión, podendo, ademais, decretar a súa expulsión no acto.

4.- En sesións especiais ou extraordinarias, o número de invitacións pode verse reducido por necesidades de espazo para a atención de compromisos protocolarios, o que se anunciará con antelación suficiente pola Presidencia.

g) Normas sobre participación da veciñanza no Pleno:

Nos plenos de carácter ordinario, unha vez concluída a sesión, o Presidente pode establecer unha quenda de rogos e preguntas para o público existente sobre temas concretos de interese provincial, trala solicitude previa dos interesados formulada nos termos sinalados nos parágrafos seguintes.

O número total máximo de rogos e preguntas que se admitirá en cada sesión será de cinco.

As persoas que desexen intervir na quenda, deberán solicitarllo por escrito ao Presidente con cinco días hábiles de antelación á celebración da sesión do pleno correspondente, expresando na solicitude o rogo ou pregunta que desexan formular.

O rogo ou pregunta debe ter sempre por obxecto directo unha cuestión relativa ás competencias da Deputación Provincial, e deberá formularse con brevidade, concisión e claridade.

Concluído o prazo de presentación de peticións para cada sesión ordinaria, a Presidencia ditará resolución, que se lles notificará aos interesados, na que se declarará a admisión ou non dos rogos e preguntas formulados. A non admisión poderá acordarse nos supostos nos que o rogo ou pregunta carezan de concreción ou non teñan relación directa cun asunto de competencia provincial.

Os rogos e preguntas deberán ser formulados ante o pleno con brevidade, axustándose ao solicitado previamente por escrito. En ningún caso se poderá suscitar debate ao respecto nin á intervención dos diferentes grupos políticos, limitándose o seu tratamento á súa formulación e á resposta da Presidencia.

O contido destas intervencións reflectirase mediante dilixencia na acta da sesión.

2º) Someter a información pública o presente acordo de aprobación inicial, mediante anuncio inserido no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación, por prazo de trinta días hábiles, durante o que calquera persoa interesada poderá formular as reclamación e suxestións que estime oportunas. No caso de non formularse alegacións, entenderase automaticamente elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial. No caso de formularse, as alegacións deberán ser obxecto de resolución expresa e motivada polo Pleno.

APROBACIÓN DA MOCIÓN EN DEFENSA DAS DEPUTACIÓNS PROVINCIAIS DE RÉXIME COMÚN

Acordo:

1º.- Reivindicar o papel fundamental das deputacións, a quen constitucionalmente lles corresponde o goberno e administración autónoma das provincias, como vertebradoras do territorio e cooperadoras cos concellos, mediante asistencia económica, técnica e xurídica.

2º.- Continuar co proceso de modernización administrativa para gañar en eficiencia, contar nun novo marco de financiamento e reformar a lei electoral para a elección directa dos integrantes da corporación provincial, reiterando o acordo unánime deste pleno do debate sobre o estado da provincia de 2014.

APROBACIÓN DA DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN DAS FACULTADES DO CONCELLO DE PIÑOR EN MATERIA DE RECADACIÓN DA TAXA DE SUBMINISTRACIÓN DE AUGA E CANON DA XUNTA

Acordo:

Aceptar a delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de Piñor ten atribuídas en materia de recadación da taxa pola subministración de auga e canon da Xunta, así como das actuacións pendentes dos últimos catro anos e non prescritas, ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e artigo 7 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no acordo do Pleno do dito concello do día 25 de febreiro de 2016. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias nesta materia.

APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS N.º 2/2016

Acordo:

1º.- Aprobar a modificación de créditos do expediente, 2/2016.

De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público, tras o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno.

O expediente considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

APROBACIÓN DA RATIFICACIÓN DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A AXENCIA GALEGA DE INFRAESTRUTURAS, O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE, A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE E O CONCELLO DE OURENSE, PARA O FINANCIAMENTO E EXECUCIÓN DA URBANIZACIÓN DOS ACCESOS AO COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE OURENSE

Acordo:

Ratificar o acordo da Xunta de Goberno do 11 de marzo de 2016 de aprobación da subscrición dun convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas, o Servizo Galego de Saúde, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Ourense para o financiamento e execución da urbanización dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

O obxecto do presente convenio é establecer as bases da colaboración técnica e económica entre a Axencia Galega de Infraestruturas, o organismo autónomo Servizo Galego de Saúde, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Ourense para a execución das obras de urbanización dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

O orzamento máximo total da obra é dun millón trescentos sesenta mil trescentos corenta e cinco con cincuenta e tres euros (1.360.345,53 €), IVE incluído.

APROBACIÓN DEFINITIVA DA DISOLUCIÓN DO CONSORCIO CONTRA INCENDIOS E DE SALVAMENTO DAS COMARCAS DO CARBALLIÑO-RIBEIRO

Acordo:

1º.- Aprobar definitivamente a disolución do Consorcio contra Incendios e de Salvamento das Comarcas do Carballiño e Ribeiro, nos termos recollidos no acordo adoptado polo pleno do Consorcio o 3 de decembro de 2015.

2º.- Remitirlle o presente acordo á Presidencia do Consorcio, para os efectos oportunos.

APROBACIÓN DEFINITIVA DA DISOLUCIÓN DO CONSORCIO CONTRA INCENDIOS E DE SALVAMENTO DA COMARCA DA LIMIA

Acordo:

1º.- Aprobar definitivamente a disolución do Consorcio contra Incendios e de Salvamento da Comarca da Limia, nos termos recollidos no acordo adoptado polo pleno do Consorcio o 23 de novembro de 2015.

2º.- Remitirlle o presente acordo á Presidencia do Consorcio, para os efectos oportunos.

APROBACIÓN DEFINITIVA DA DISOLUCIÓN DO CONSORCIO CONTRA INCENDIOS E DE SALVAMENTO DA COMARCA DE VERÍN

Acordo:

1º.- Aprobar definitivamente a disolución do Consorcio contra Incendios e de Salvamento da Comarca de Verín, nos termos recollidos no acordo adoptado polo pleno do Consorcio o 23 de novembro de 2015.

2º.- Remitirlle o presente acordo á Presidencia do Consorcio, para os efectos oportunos.

APROBACIÓN DEFINITIVA DA DISOLUCIÓN DO CONSORCIO CONTRA INCENDIOS E DE SALVAMENTO DA COMARCA DE VALDEORRAS

Acordo:

1º.- Aprobar definitivamente a disolución do Consorcio contra Incendios e de Salvamento da Comarca de Valdeorras, nos termos recollidos no acordo adoptado polo pleno do Consorcio o 23 de novembro de 2015.

2º.- Remitirlle o presente acordo á Presidencia do Consorcio, para os efectos oportunos.

APROBACIÓN DA RESOLUCIÓN DO CONVENIO DE COOPERACIÓN ENTRE A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE E O CONCELLO DE BARBADÁS, DE CESIÓN DE USO DO EDIFICIO DO MUSEO DE INSTRUMENTOS MUSICAIS DE BARBADÁS

Acordo:

Resolver, por mutuo acordo entre as partes, o convenio de cooperación asinado na data 15.07.2010 entre a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Barbadás de cesión de uso do edificio do Museo de Instrumentos Musicais de Barbadás, extinguíndose o dereito real de uso en exclusiva do citado inmoble outorgado a favor da administración provincial e revertendo a favor do Concello, libre de cargas e gravames, a posesión de todo o edificio.

Establecer como data efectiva da resolución do convenio a da sinatura da acta de recepción do inmoble por ambas partes, a cal se producirá unha vez que a Deputación teña executadas as obras de conservación e mantemento indicadas no informe técnico de data 14.03.2016.

O presente acordo será obxecto de publicación no Boletín Oficial da Provincia para xeral coñecemento.

APROBACIÓN DA MOCIÓN RESPECTO DO ENTROIDO NA NOSA PROVINCIA

Acordo:

1º- Que o Inorde, tal e como establece o Plan Provincial de Turismo Cultural que forma parte de Ourense 15-19, continúe fortalecendo o entroido como sinal de identidade provincial coordinando accións de promoción con aqueles de maior tradición etnográfica.