1 2015 MB e Esquiou

 

A Deputación de Ourense e OCA Manzaneda están a desenvolver o programa “Esquiou 2015”, unha iniciativa dirixida a menores de entre 9 e 12 anos que ten como obxectivo promover a práctica do esquí entre nenas e nenos da provincia de Ourense. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo director de OCA-Manzaneda, Gustavo San Martín, visitou hoxe as instalacións da estación de montaña e aos participantes neste programa de actividades de inverno, que se prolongará en diferentes quendas ata o vindeiro mes de marzo.

O programa, que comezou en decembro, desenvólvese nas instalacións da estación de montaña de Cabeza de Manzaneda. Inclúe dúas noites de aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias. A duración de cada quenda do programa é de tres días, de luns a mércores, e os interesados deben aboar unha cota de 29 euros.

A participación abrangue un total de 735 participantes, divididos en 7 quendas de 105 persoas por quenda. O reparto faixe por proximidade xeográfica para conseguir grupos máis homoxéneos e nos que poden estar rapaces e rapazas que xa se coñecen previamente, facilitando a integración e a convivencia. No caso de non cubrirse todas as prazas nunha quenda e haber demandantes en espera doutras comarcas, iranse reasignando por orde de inscrición.

Para o desenvolvemento do Programa “Esquiou 2015” a estación de montaña dispón de 23 pistas de esquí alpino de diversa dificultade, homologadas, de esquí de fondo e Snow Park con diferentes módulos, así como de telesquís e dous telesillas que permiten desprazar a 7.600 esquiadores cada hora. Así mesmo, a estación dispón de escola de esquí e snowboard, ademais da posibilidade de alugar material para a práctica destas modalidades deportivas.

O programa de clases de esquí compleméntase con outras actividades lúdicas, deportivas e de contacto coa natureza, como son rutas de sendeirismo, piscina, parque multiaventura, orientación fotográfica e torneo deportivo.

Manuel Baltar afirma que a Deputación de Ourense apoia o programa “Esquiou 2015” “porque reúne os valores fundamentais da práctica deportiva aplicada á vida cotiá: traballo en equipo, esforzo e aprendizaxe”, e tamén fomenta –sinala o presidente provincial- “a conivencia entre os máis cativos, algo que, unido ás excelencias da contorna onde se desenvolve a actividade fai que o programa combine deporte, natureza, ocio e sociabilidade, unha perfecta conxunción para as nenas e nenos da provincia de Ourense que a Deputación e OCA Manzaneda poñen á súa disposición”.