Deputación de Ourense e Xunta estudan fórmulas de xestión para o futuro “Museo do Viño de Galicia”

Román Rodríguez e Manuel Baltar

 

Manuel Baltar recibiu hoxe no Pazo Provincial ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, con que analizou aspectos organizativos do que será o único museo destas características en Galicia 

Na xuntanza abordaron tamén o tema da tramitación da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, que terá o vindeiro 18 de xullo un acto no que estarán presentes as deputacións de Ourense e Lugo, a Xunta e o Valedor do Pobo

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu onte no Pazo Provincial ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, con que analizou posibles fórmulas de xestión para o que será o futuro “Museo do Viño de Galicia”, que se está a construír na antiga rectoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia. Baltar e Rodríguez concordaron en que ámbalas dúas institucións levarán a cabo formulas de colaboración para a xestión do museo –o único destas características na comunidade autónoma- “estando a Deputación de Ourense totalmente receptiva a establecer liñas de cooperación para que as instalacións se poidan explotar convenientemente, tanto no que atinxe a temas de infraestruturas, equipamentos, persoal ou no ámbito de promoción turística”, explicou o presidente do goberno provincial.

 

O museo, do cal están a piques de rematar as obras de construción, situarase na rectoral de Santo André, a tres kilómetros de Ribadavia, un edificio do século XVIII que albergou a granxa vinícola máis importante que o mosteiro de San Martiño Pinario tivo en Galicia.

 

Na xuntanza, Manuel Baltar e Román Rodríguez tamén analizaron o tema da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, e avanzaron que o vindeiro 18 de xullo terá lugar no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) un acto no que participarán os presidente das deputacións de Ourense e Lugo, Manuel Baltar e Elena Candia; o conselleiro de Cultura e o Valedor do Pobo, no cal se abordará o estado de tramitación da candidatura e o Valedor fará entrega ao conselleiro de Cultura dos informes técnicos para o expediente de declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial.

 

Días pasados, en relación con este tema, Manuel Baltar participou no Parlamento de Galicia no acto de presentación da memoria científica do proxecto da Ribeira Sacra. O paso seguinte será a solicitude de expediente BIC por parte da Consellería de Cultura. O proceso para chegar ate este informe, no que se detallan as especificidades e criterios técnicos que avalan a candidatura, deu comezo en xuño de 2014 cando as deputacións de Ourense e Lugo asinaron co Valedor do Pobo un convenio de colaboración para que este coordinase un equipo académico multidisciplinar co obxectivo de elaborar a memoria científica que se xuntará á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial diante da Unesco.

 

Os traballos técnicos desenvolvéronos expertos nas áreas temáticas de Produción agrícola e formas de cultivo; Xeografía física; Edafoloxía; Botánica; Patrimonio cultural (Historia, Historia da Arte, Arqueoloxía, Arquitectura e Antropoloxía); Economía aplicada  e Produción vitivinícola. O documento enviarase ao Ministerio de Cultura para a súa presentación polo Reino de España -unha vez aprobada polo Consello do Patrimonio Histórico Español- ante o Centro de Patrimonio Mundial para que sexa avaliada polo Comité do Patrimonio Mundial.

También te podría gustar...