• A Granxa de Armariz, do ente provincial, conta con especies de porco celta, ovella galega e cabra galega

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, visitou onte, xunto coa Directora Xeral de Producción Agropecuaria, Patricia Ulloa; e  o Subdirector de Gandería, Jorge Mourelo, as instalacións gandeiras da “Granxa de Armariz”, no Concello de Nogueira de Ramuín, que son propiedade do ente provincial. O encargado de guiar a visita foi o veterinario do Inorde, Bernardino Domínguez.

Rosendo Fernández e Patricia Ulloa na visita as novas instalacións

Rosendo Fernández e Patricia Ulloa na visita as novas instalacións

Durante a visita, Rosendo Fernández agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia, e asegurou que a Deputación de Ourense “aposta pola recuperación das especies autóctonas en perigo de extinción”.

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia teñen un convenio de colaboración para “manter rabaños fundacionais de distintas especies autóctonas galegas, de distintas orientacións produtivas, tanto de porco celta, de ovella galega e cabra galega. No futuro estase pensando en introducir galiña de mos”, asegurou Patricia Ulloa.

Este convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia para o mantemento das razas autóctonas, inclúe apoio económico pero tamén, actuacións realizadas por ambas partes. Trátase dun traballo en conxunto no que a Consellería se ocupa de cuestións de asesoramento, información e de marcar as pautas,e o Inorde encárgase de realizar o traballo de campo e de informar á Consellería acerca dos resultados conseguidos cos distintos traballos, para buscar entre ambas partes “o xeito máis oportuno de facer o seguinte convenio de colaboración cando este remate”, asegurou Patricia Ulloa.

Rosendo Fernández, Patricia Ulloa e Jorge Mourelo visitan a Granxa de Armariz

Rosendo Fernández, Patricia Ulloa e Jorge Mourelo visitan a Granxa de Armariz

As obras que se están a levar a cabo dentro do proxecto da Granxa Escola en Armariz, acaban de rematar a primeira fase de execución que consistiu na construción dunha nave para as nais de porco celta e unha nave para o gando ovino e caprino. Na seguinte fase que se prevé que finalice a principios do vindeiro ano, ocupará os traballos de derribo das naves antigas, a instalación de auga e luz, e os peches perimetrais das granxas construídas.

As instalacións gandeiras contan cunha superficie de 10 hectáreas conta con máis de 250 de cabezas de gando entre ovino e caprino e ao redor de 80 cabezas de gando porcino.

Patricia Ulloa, felicitou á Deputación de Ourense “polo traballo que fai nesta granxa e con estes animais porque un bo traballo sempre se ve recompensado pola aceptación que despois ten entre os gandeiros este tipo de animais”.